Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz lamenta a situación provocada estes días dentro da Corporación Municipal e pide “máis política e menos personalismos”

O BNG de Foz lamenta a situación totalmente anómala e esperpéntica que se está a producir estes días na Corporación Municipal de Foz. Para o BNG estes acontecementos son a consecuencia dunha maneira de entender a política non como un servizo aos cidadáns senón como un campo para o oportunismo e as ambicións persoais. Desde logo, o que máis lamentamos os nacionalistas é que todo isto supón un grave prexuízo para o normal funcionamento da institución municipal e dos seus órganos de representación e dificulta en boa medida unha acción de oposición que combata o desgoberno actual local e se centre nos intereses dos veciños e veciñas de Foz.

Sen entrar a valorar a actuación particular dos concelleiros e concelleiras implicados neste asunto, queremos deixar claro que o BNG sempre estivo e estará en contra do transfuguismo e a favor de entregar a acta de concelleiro ou concelleira ao partido que representas unha vez que o deixas, porque nos parece o máis ético e democrático. O BNG sempre creu nas organizacións e non nos personalismos que tanto proliferan na política actual e que tanto dano fan á democracia.

Non dubidamos que todo este asunto desvía a atención do verdadeiramente importante: resolver os moitos problemas que Foz ten como o paro e a falta de perspectivas da xuventude, a falta de servizos sociais fundamentais como a Residencia e o Centro de Día, a ampliación de prazas da escola infantil ou o mal funcionamento dalgúns servizos municipais como a depuradora, a piscina ou o alumeado público por non falar xa da ausencia de limpeza xeral do concello ou o caos urbanístico.

Por iso, o BNG vai a centrarse como ata agora en loitar de forma seria e responsable desde o Concello e desde a mobilización social contra as políticas austericidas, privatizadoras, antidemocráticas e de recortes do PP para intentar cambiar radicalmente a situación actual do noso concello e do noso país. Fronte aos personalismos e os intereses particulares duns e o pucheirazo do PP coa reforma electoral por interese partidista, débese poñer por diante o interese social e do conxunto da cidadanía.

Lorena Seivane García
Responsable Local do BNG en Foz

Exit mobile version