Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Lourenzá cre que “o dividido goberno lauretino está a protexer ó tenente alcalde”

Lourenzá, 26 de setembro de 2014. Como resulta evidente o goberno municipal de Lourenzá encóntrase totalmente rachado e segundo se puido ver cada parte responsabiliza á contraria de todo o sucedido. Dende o BNG opinan que o feito de que a rexedora e o ex rexedor se estean a pasar a “pataca” o un ao outro acredita unha vez máis a existencia de irregularidades neste proceso, deste xeito consideran os nacionalistas laurentinos que tanto o Sr. Vidal Martínez como a Sra. Émma Álvarez á vez de corroborar as acusacións do BNG local coas súas acusacións cruzadas tamén están a demostrar unha falla total de ética profesional e de dignidade política.

Ofreceron xustificacións impropias para ser representantes electos dos veciños
Dende o BNG quíxose censurar a actitude “pasota” do Sr. Martínez Sierra e da Sra. Émma Álvarez pois ámbolos dous alegaron ser só “concelleiros de base” cando respectivamente non eran alcaldes afirmando en ámbolos dous casos estar só implicados na súa labor de parlamentarios, partindo destas declaracións opinan os nacionalistas laurentinos que sería bo recordarlles que quen os elexíu foi Lourenzá e os seus veciños ademais segundo precisou o portavoz local do BNG César Docampo : “Non é preciso ser membro da Xunta de Goberno Local para recibir as actas, o que hai que ter é vontade de traballo e ganas de lelas”.

Consideran os nacionalistas laurentinos que o Sr. Martinez Sierra se extralimitou tamén ao afirmar que o bipartito na Xunta de Galiza había deixado o proxecto “en letargo” pois a realidade di que este goberno tiña previsto iniciar actuacións no Pazo en 2009, actuacións que posteriormente se viron paralizadas polos cambios producidos na administración autonómica.

Segundo o BNG local en verbas do seu concelleiro: “ Quedou totalmente claro que o Sr. Martínez Sierra decidiu sesgar a verdade e dicir só aquilo que lle interesaba incluso querendo convencer á opinión pública con manobras malabares máis propias do mundo do espectáculo que da realidade ao querer encaixar ou xustificar a contratación (lembremos a dedo) por motivos técnicos e económicos que el mesmo posteriormente se viu obrigado a matizar”.

Responsábeis e perxudicados
Os nacionalistas de Lourenzá tamén quixeron salientar o reprobábel feito de que tanto a rexedora actual a Sr. Émma Álvarez como o ex rexedor demostran cos seus actos estar a protexer ao Tte. de alcalde Dino Vidal que compre recordar é unha das pezas claves deste asunto e probablemente un dos máis responsábeis.

Ao mesmo tempo dende o BNG de Lourenzá ofreceron todo o apoio que o dono do Pazo poda precisar xa que compre recordar que sen ter ningún tipo de responsabilidade vese agora afectado por unha xestión neglixente e irregular por parte do concello, que recordamos só tiña que xestionar os cartos, non aportalos pois ademais da parte da subvención do AGADER deberíase resaltar que o propietario do Pazo financiou do seu peto máis do 33% da actuación o que lle supuxo un desembolso aproximado de 55.000 €.

Exit mobile version