A Mariña, 26 de setembro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego levará por medio do seu Deputado no Parlamento Galego, Cosme Pombo, a problemática xurdida en numerosos centros de ensino en toda a comarca neste inicio de curso. Para o BNG “estas cuestións puntuais, que van aparecendo cada día, forman parte da política educativa que leva a cabo o Partido Popular na Xunta, metendo diñeiro público nos centros concertados –incluso aqueles que segregan por sexos-, mentres deixan morrer o ensino público.”
“Especialmente relevantes son os problemas que se producen nos concellos máis rurais, coma Ourol ou Alfoz-Valadouro, onde o PP amosa sen medo o seu plan de exterminio do rural, a comezar polo ensino”, aseguran desde o BNG. “A solución non é que as nenas e nenos se agrupen para pagar autobuses a Burela ou Foz. A solución pasa por garantir que as nenas e nenos do rural poidan ter aceso a un ensino de calidade, nas mesmas condicións que os que viven en vilas máis grandes. Defender iso, é entrar no xogo do Partido Popular e apoiar a desaparición de centros de ensino no rural”, afirma a responsábel comarcal nacionalista.
Desde o BNG tamén amosan o seu apoio á directiva do IES Vilar Ponte, que “amosan que a dignidade do ensino público non se vende e mobilízanse na súa defensa.” E trasládanlles a súa disposición a levar a cuestión aos ámbitos correspondentes. “O que está en xogo aquí é a defensa do ensino público como garante da igualdade de oportunidades educativas entre todas as nenas e nenos. Mentres os centros públicos sigan sufrindo recortes, o BNG estará para denuncialo e loitar pola súa supervivencia.”
Os nacionalistas critican que a Consellería utilice “solucións técnicas” para estes conflitos sen demostrar a máis mínima sensibilidade e invitan á delegada de educación, Mariña Gueimunde, a que “amose que o seu posto é consecuencia do compromiso co ensino público e non responde a outras cuestións”. Así desde o BNG consideran que “sacar medios humanos a uns centros para dotar a outros e deixar ambos sen as súas necesidades cubertas, non é unha solución óptima e só resposta á necesidade de apagar conflitos, como se fixo no caso de Ourol; reducindo persoal nos colexios de Celeiro e Galdo. O que ten que facer a Consellería é dotar aos centros de persoal suficiente para cubrir as súas necesidades e non andar espindo santos para vestir outros e quedar ambos a medio vestir”, afirman.