Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pedirá no Congreso un plan específico de mellora das comunicacións para a comarca da Mariña

bng-infraestrututas-mariñaMondoñedo, 19 de setembro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego na Mariña compareceu este venres nunha rolda de prensa na que participaron a responsábel comarcal Ana Ermida; o vicepresidente da Deputación e membro da executiva comarcal do BNG, Antonio Veiga; o Alcalde de Mondoñedo, Orlando González; o responsábel local, Eloi Cabanas; e a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez.

Durante a rolda de prensa, a deputada nacionalista deu conta das iniciativas presentadas nas Cortes do Estado para mellorar a seguridade na autovía A-8 ao seu paso pola comarca. Rosana Pérez sinalou que, a instancias do grupo comarcal do BNG da Mariña, se presentou unha proposición non de lei e unha pregunta para resposta escrita “que aínda está sen respostar”, puntualizou. Esta mesma semana se debateu no Congreso a proposición non de lei “na que nos atopamos co único voto en contra do PP. É dicir, organizacións políticas que nada teñen que ver con Galiza, como o PNV ou CIU, posicionáronse a favor da nosa iniciativa, pero o PP rexeitouna argumentando que a sinalización e as medidas de seguridade son suficientes, algo que quedou claramente demostrado dous días despois do fatal accidente de xullo, cando anunciaron que ían poñer en marcha varias medidas para aumentala”, explicou. Asemade, criticou que nesa comisión non intervise Jaime de Olano, o deputado que ten o PP da Mariña no Congreso.

Para o BNG “que se inaugure unha autovía e seis meses despois estea sufrindo continuos cortes de tráfico non responde ás necesidades de vertebración dunha comarca como A Mariña, que segue a estas alturas coas mesmas vías de comunicación que hai trinta anos”, sinalou a súa responsábel comarcal.

Plan Específico de Infraestruturas
Por iso, desde o BNG reclaman a “posta en marcha dun plan específico de infraestruturas na comarca que garanta unhas comunicacións seguras e adecuadas a unha zona cun peso social e económico moi importante a nivel provincial e galego”. Un argumento no que redundou Antonio Veiga ao afirmar que “aínda que se está vendendo constantemente por parte do Goberno que A Mariña quedaba comunicada coa A-8, non é certo. Nin o está na saída cara Ferrol, nin cara Asturias ou a meseta. Seguimos igual cando desde A Mariña se move moito máis aló do 33% do Produto Interior Bruto da provincia. Por iso non pasamos e queremos unha rede de infraestruturas en estado óptimo e que a A-8 sexa unha vía que nos poda comunicar, pero non a tempo parcial”, criticou.

Os nacionalistas presentarán iniciativas nas distintas institucións pedindo un plan do Ministerio de Fomento, cunha dotación económica específica para facer fronte ás melloras necesarias tanto na A-8 como nas estradas convencionais (a N-634 e a N-642), que soportan nestes momentos a meirande parte do tráfico da comarca. A deputada no Congreso, Rosana Perez, incidiu no deficiente estado destas vías. “Hoxe mesmo puiden comprobar sobre o terreo, nun tramo pequeno, o lamentable estable no que se atopa a N-634, con zonas nas que non hai pintura no firme, este está moi deteriorado e falta sinalización. Por mais que o delegado do Goberno insista en que á N-634 e a 642 non lle fan falta amaños, é evidente que necesitan dun arranxo urxente porque non están preparadas para soportar o tráfico que se deriva dos cortes da A-8. Nós insistiremos nisto nos próximos Orzamentos do Estado, que están a piques de entrar no Congreso”, avanzou.

Solucións técnicas para a seguridade na A8

Do mesmo xeito, Rosana Pérez tamén sinalou que “non imos cesar na nosa insistencia de que temos unha infraestrutura, a A-8, que tardou en chegar 27 anos, que logo de custar un tramo duns 15 quilómetros case 200 millóns de euros teña que estar pechada gran parte do ano por condicións meteorolóxicas. Hai condicións igual de adversas noutras países europeos e non se pechan infraestruturas polo néboa 300 días ao ano. Aquí queremos que se apliquen as mesmas medidas, porque non está cumprindo o cometido de vía alternativa as chamadas estradas nacionais co que se creou”, afirmou con rotundidade.

Neste sentido, o alcalde de Mondoñedo, o nacionalita Orlando González, recordou que os propios técnicos de Fomento lle aseguraron a unha pregunta súa que “desde o punto de vista técnico era posible poñer unha bóveda. Dixeron que era custoso, pero posible, así que se esa é unha posible solución, pedimos que non aforren en medios para corrixir este problema. E se é necesaria unha bóveda de máis quilómetros, porque me puxeron o exemplo de que en Cantabria os accidentes se producían á saída, que se faga máis longa”, argumentou. En todo caso, Rosana Pérez puntualizou que “as solucións técnicas non as ten que dar o alcalde de Mondoñedo ou o BNG, senón que teñen que partir dos técnicos de Fomento, co apoio da vontade política do Goberno e acompañadas de partidas orzamentarias claras para levar a cabo os arranxos que sexan precisos”, engadiu.

Igualmente, o responsábel local do BNG en Mondoñedo, Eloi Cabanas, reclamou “a instalación de valados e pasos canadianos, que corrixan o perigo que supoñen os moitos animais que están pastando na zona pola que discurre a A-8. Non podemos andar xogando á lotería cada vez que pasamos pola autovía”.

Necesidades na LU-124

O rexedor de Mondoñedo tamén aproveitou a comparecencia para reclamar o arranxo da LU-124, un estrada de titularidade autonómica. “Este concello ten tres problemas, a A-8; a N-634, que é tercermundista; e a LU-124, que aínda está en peores condicións. E algo que vimos reivindicando desde hai tempo e aos alcaldes da Pastoriza, Mondoñedo, Riotorto e A Pontenova prometeunos o antigo conselleiro de Política Territorial, agora alcalde de Santiago –o popular Agustín Hernández-, que se ía arranxar por tramos cun investimento total de 4,4 millóns de euros. Agora quérennos vender a moto de que se vai licitar por 700.000 euros. Nós non queremos parches, queremos que a LU-124 estea en boas condicións, porque é a vía que nos une coa autovía, en Curros, e cos concellos veciños. E ademais, que arranxen a N-634 e poñan un carril lento ata A Xesta, algo que reclamamos e que só conseguimos que se fixera nun tramo pequeno. Estas reclamacións fixémolas desde moito antes do accidente e agora facelo con máis razón e con argumentos de peso. Mondoñedo está esquecido en materias de comunicacións e é unha das razóns polas que non despegou”, remarcou.

Posta en marcha urxente das obras da autovía Barreiros-San Cibrao
Así mesmo, os nacionalistas instarán ao Ministerio a pór en marcha con urxencia as obras da autovía Barreiros-San Cibrao que acumulan anos de retraso e do que non se coñece máis que cantidades ridículas que se asignan nos orzamentos para estudos. Desde o BNG sinalan que “o feito de que se inicien neste momento as obras na parte correspondente á Xunta de Galiza parece unha tomadura de pelo para as veciñas e veciños da comarca que xa viron como esas obras foron utilizadas noutras ocasións con fins electorais, poñendo as máquinas a traballar durante uns días antes das anteriores eleccións galegas”, indicou Ana Ermida.

Segundo afirmou a responsábel comarcal “o Ministerio e a Xunta de Galiza teñen á nosa comarca esquecida e marxinada en materia de comunicacións, con estradas de hai máis de trinta anos que soportan un tráfico diario inaguantable para unha infraestrutura deste tipo. É urxente que se melloren as comunicacións existentes, que se garanta que se poden utilizar en condicións de seguridade adecuadas e que se inicien as obras do corredor, como vía que ten que vertebrar a comarca e como xeradora de emprego”. Desde o BNG aseguran que “é sorprendente que, outra vez, se estea falando nestes momentos da existencia de problemas xeotécnicos” e agardan “que non supoña, como pasou coa A-8, que, por apurar unha inauguración, se volvan a facer chapuzas que reduzan a seguridade da vía”.

Finalmente, Antonio Veiga criticou que desde as filas populares “se nos diga, ao anunciar a aprobación do Plan Director do Hospital en 100.000 euros, que temos que pedir desculpas por nos mobilizar e estar coa cidadanía. A día de hoxe non vimos nin unha sola desculpa do Partido Popular a respecto do que ocorreu aquí, que foi moi grave, xa que morreu unha muller e houbo case 50 feridos. Non creo que ninguén lle pedise desculpas ao alcalde de Mondoñedo e dos arredores nin penso que o vaian facer, porque son soberbios, prepotentes e incompetentes. E o seu xeito de gobernas, non só non piden desculpas senón que nos dan leccións. A cidadanía espera esas desculpas, porque é moi grave o que está pasando coa A-8 e coas mentiras do anuncio de ampliación do Hospital da Costa”, concluíu.

Exit mobile version