Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide a intervención da administración local e galega ante o deterioro medioambiental do río Eo ó seu paso polo municipio da Pontenova

A Pontenova, 16 de setembro de 2014. O BNG da Pontenova pide a intervención das administracións local e galega para evitar o deterioro medio ambiental do Río Eo ao seu paso polo concello. Alertan da existencia de plantas invasoras procedentes de Sudamérica que están acabando co ecosistema propio do lugar, ademais os ameneiros á beira do río, van camiño de desaparecer atacadas por outras especies. Os nacionalistas expresan a súa preocupación non so desde o punto de vista medioambiental senón tamén porque consideran o río como unha fonte de recursos económicos que o goberno local está deixando perecer.

O BNG “anuncia iniciativas sociais e institucionais para denunciar e pedir solucións ante o que consideran un grave e continuado abandono do río Eo que noutros tempos foi unha referencia piscícola e fonte de recursos económicos para o concello e a súa cidadanía.” Non é de recibo, afirman, “que o goberno local mire para outro lado mentres se perde a riqueza medioambiental do concello e con ela un recurso propio que debera ser aproveitado.”

Por iso, desde o grupo municipal do BNG levarán ao vindeiro pleno ordinario unha moción para instar ao Goberno Municipal a que adopte as medidas oportunas para evitar a degradación do sistema fluvial e aproveitar o río como recurso ambiental e económico. Neste sentido, pedirán un acordo plenario no que tamén se inste á Xunta de Galiza a corrixir e recuperar as zonas afectadas.

Poñen como exemplo o da ponte do refuxio de Salmeán onde os ameneiros corren perigo de desaparecer atacados por unha praga invasora, pero poderíanse poñer moitos mais onde proliferan a “tradescantia fluminensis velloso” de procedencia sudamericana, “a crocosmia x crocosmiiflora”, de orixe sudafricano que en ambos casos que impide a subsistencia de especies propias do hábitat do río.

Os nacionalistas insisten en que a aparición de especies invasoras foráneas e o pouco coidado do río pon en perigo o conxunto dun ecosistema catalogado como “Lugar de importancia comunitaria LIC e forma parte da reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón desde 2007. Toda esta zona forma parte do “Informe de Sostibilidade Ambiental” do ano 2010 que debera ser a guía para actuar sobre o territorio e garantir a sustentabilidade ambiental e económica do concello.

Exit mobile version