Site icon Crónica3.com A Mariña

O CENTRAD ofrece obradoiro no outono tamén en Lourenzá

pres-centradA Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, avanzou este luns a nova programación de actividades dirixidas a adultos que o CENTRAD organiza para este outono e inverno. A Deputación ofrecerá 16 obradoiros de artesanía, que se desenvolverán ata o 23 de decembro nos pavillóns do CENTRAD, no Centro de Cestaría do Río Rato e nos Concellos de Lourenzá e Samos. Grazas a estes talleres, 137 persoas aprenderán e poderán familiarizarse coa tradición da cestaría, a luthería, o vimbio, a olería, a xoiería, o vidro, o escaparatismo, a fabricación de fofuchas e o tecido; ao tempo que coñecen a actividade do CENTRAD. No acto tamén estiveron presentes varios artesáns que serán os encargados de impartir ditos obradoiros.

Polín subliñou que “o Centro de Artesanía e Deseño organiza ano tras ano estes obradoiros, posto que se enmarca dentro da nosa aposta polo impulso dos oficios artesanais como sinais de identidade e atractivo da provincia que xera riqueza. Estas actividades contribúen ó noso obxectivo de achegar a tradición artesanal e a riqueza cultural da provincia a todos os lucenses e de pór en valor a artesanía típica luguesa. Apostamos pola nosa artesanía, pola de Lugo, para convertela nun dos sectores punteiros da provincia e en nicho de emprego co fin de xerar postos de traballo e fixar poboación no rural”.

A artesá Noela Feal Giménez imparte o curso que nestes momentos se está a desenvolver no pavillón 8 do CENTRAD, e que terá lugar ata o vindeiro 23 de outubro, de luns a venres, en horario de 16.00 a 20.30 horas. Os asistentes practicarán as técnicas do tecido tradicional a través dunha aprendizaxe nun tear de baixo lizo. Tamén está en marcha o curso de olería de Samos, impartido por Manuel Fernández. O Mosteiro de Samos acolle este obradoiro, que se desenvolverá ata o vindeiro 21 de novembro, de luns a venres en horario de 16.00 a 21.00 horas. O obxectivo do obradoiro é recuperar a olería que caracteriza a este municipio lugués.

Para continuar, luthería

O vindeiro luns 13 de outubro arrancará o segundo taller, “acabados históricos para luthería”, orientado para profesionais desta arte de facer instrumentos musicais de corda, vento ou percusión. José Catoira ensinaralles aos participantes como perfeccionar e mellorar os seus produtos, dende o 13 ata o 24 de outubro, de luns a venres, entre as 09.00 e as 14.00 horas, no obradoiro de instrumentos musicais do CENTRAD.

Durante o mes de outubro comezarán outros seis talleres: “Dá brillo ó teu vestiario con abelorios” (entre o 14 e o 31 de outubro); “Vidrio. Iniciación en contas de vidro” (dende o 16 ata o 31 de outubro); “Xoiería. Iniciación en técnicas de volume” (do 18 de outubro ao 23 de novembro; “Cestas Costelas” (entre o 20 e o 24 de outubro); “Iniciación á cestaría” (do 21 de outubro ao 23 de decembro; e “Cestería de Esparto”, dende o 27 de outubro ata o 7 de novembro.

A oferta da programación da Deputación para novembro e decembro complétase con outros 7 talleres. O Obradoiro de Cestería do Rato acollerá “Cestería con láminas de madeira” (do 17 ao 28 de novembro); “Cestería de Colmo” (do 1 ao 15 de decembro); e “Luminarias: estruturas de mimbre” (do 16 ao 19 de decembro). Os pavillóns do Centro de Artesanía e Deseño, pola súa parte, servirán de escenario para os talleres de “Xoiería. Deseña a túa xoia” (do 3 ao 19 de novembro); “Renova a túa roupa aprendendo” (do 3 ao 21 de novembro); “Técnica para a fabricación de fofuchas” (do 17 ao 26 de novembro); e “Escaparatismo. Técnicas e recursos para o seu deseño” (do 17 ao 28 de novembro).

Inscrición
O prazo de solicitude remata cinco días antes da data de comezo de cada obradoiro. As inscricións poderán realizarse mediante internet, na páxina web do CENTRAD: http://www.centrad.org/ Cada alumno poderá participar nun único curso por tempada, agás no caso de que resten prazas vacantes noutros cursos unha vez pechado o prazo de inscrición.

Exit mobile version