Site icon Crónica3.com A Mariña

O Colexio de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación achegou á costa unha charla sobre proxectos e tramitacións

O Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA) en Foz acolleu este venres unha charla-coloquio sobre “PROXECTOS DE ACTIVIDADE E A SÚA TRAMITACIÓN ADMINISTRATIVA” á que acudiron medio cento de participantes entre os que se encontraban alcaldes, técnicos municipais, así como arquitectos técnicos e outros profesionais interesados.

O acto, organizado polo Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación de Lugo, foi presentado por Xabier Pardiñas, vocal representante da costa da Xunta de Goberno deste colectivo, quen mostrou o seu “agradecemento á predisposición a organizar esta xornada en terras mariñás, onde se atopan case o 25 % dos nosos colexiados”. Respecto á temática que se expuxo no acto, destacou a “importancia da aplicación da lei 9/2013, que supón unha significativa modificación na regulación do réxime xurídico e dos instrumentos de intervención administrativa aplicables á apertura de establecementos, así como na regulación do réxime de comunicación previa para o exercicio de actividades e a realización de actos de uso do solo”.

Inaugurou o acto D. Antonio Javier Nuñez Nuñez, presidente do Colexio oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación de Lugo, quen destacou a intención de levar a cabo “un acercamento ós colexiados e á sociedade das actividades do noso Colexio”.

A charla-coloquio foi impartida por Dª. Fátima López Soto, Arquitecto Técnico, funcionaria do Departamento de Urbanismo do Concello de Sarria e D. Alberto Pensado Seijas, Licenciado en Dereito e Ciencias Políticas, funcionario do Departamento de Urbanismo do Concello de Lalín, quen demostraron os seus coñecementos na materia respondendo ás dúbidas dos asistentes.

A clausura do acto contou coa presenza de D. Javier Jorge Castiñeira, alcalde de Foz, quen mostrou a a súa “predisposición e colaboración para a celebración deste tipo de eventos” e agradeceu ó Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación de Lugo a celebración deste acto.

Exit mobile version