Site icon Crónica3.com A Mariña

O concelleiro de obras de Burela afirma que “o bipartito fixo o campo de herba artificial sen autorización de urbanismo”

Burela, 24 de setembro de 2014. O concelleiro de Obras e primeiro tenente de alcalde burelés, Manuel Fernández Valle, manifestou hoxe que “tres anos despois, o bipartito segue a ser unha caixa de sorpresas e de despropósitos. Se a situación económica que nos deixaron era caótica e está supoñendo un esforzo enorme para todos, Concello e veciños, menos para eles, que son os únicos que tiñan que pagar a festa, resulta que hai uns meses decatámonos que as obras do campo de herba artificial non tiñan permiso de Urbanismo da Xunta e polo tanto eran ilegais”.

Fernández Valle manifestou que “foi a raíz da aprobación definitiva do PXOM cando nos puxemos a traballar no expediente de autorización, por parte de Urbanismo, dos novos vestiarios. A nosa sorpresa foi maiúscula cando se nos comunica por escrito que non se poden autorizar porque a obra do campo de fútbol tampouco ten autorización de Urbanismo”.

O concelleiro de Obras explica: “e unha vez máis, tivemos que facer viaxes a Lugo e a Santiago para solucionar un problema que, tamén unha vez máis, nos ven herdado”. Fernández Valle lembra que “o expediente de petición de subvención, acompañado de memoria e pequeno proxecto, saíu do Concello en marzo de 2007, cun goberno municipal do PP, e a obra iniciouse en 2009, co bipartito no Concello”.

Manuel Fernández afirmou que “o Concello tivo que facer hai unhas semanas unha nova exposición pública para legalizar o campo de herba artificial, ao mesmo tempo que se solicitaba autorización para os novos vestiarios. Grazas ás xestións feitas, e tamén grazas á celeridade do servizo de Urbanismo da Xunta, temos os dous problemas solucionados”.

O primeiro tenente de alcalde dixo que “unha vez máis demóstrase que a forma de facer as cousas do anterior alcalde e do bipartito era un auténtico desastre: pufos económicos por todos os lados, e obras sen legalizar, porque temos que lembrar que o equipo de goberno do PP tivo que facer un expediente para legalizar a pista de padel da Marosa ou a canalización dun río”.

Exit mobile version