Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela comezou a executar as obras do saneamento na rúa Ramón Farré cun investimento de 40.000 euros

ramon-farreBurela, 11 de setembro de 2014. O Concello comezou este xoves as obras de saneamento na marxe dereita da rúa Ramón Farré. E ata alí se desprazaron o alcalde, José Mª González Barcia, o concelleiro de Obras e Urbanismo, Manuel Fernández Valle e técnicos municipais.

O rexedor afirmou que “se van investir 39.952 euros para solucionarlles problemas aos veciños, substituíndo un saneamento que ten máis de trinta anos e que estaba orixinando problemas de filtracións. Do total do investimento, a Xunta aporta, a través do Fondo de Compensación Ambiental un total de 27.966 euros e o Concello os 12.000 euros restantes”.

O rexedor pediu disculpas aos veciños polas posibles molestias que se poidan causar, “aínda que sei perfectamente que eles son conscientes de que as obras son necesarias; puxémonos en contacto cos presidentes das comunidades de veciños da marxe dereita, onde se efectuarán as obras, e teño que agradecerlles publicamente o seu elevado grao de comprensión”.

González Barcia manifestou que “como as obras se fan na beirarrúa, habilitarase unha zona de tránsito de peóns con carácter temporal, e tamén temporalmente non poderán usarse as prazas de aparcamento en superficie, aínda que quedarán libres os accesos aos garaxes”.

Barcia indicou que “algunhas destas comunidades teñen solicitada licenza para reparacións nas fachadas, obras que poderán facer despois de que remate o Concello. Esperamos ter rematado en tres semanas”.

Exit mobile version