Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela súmase aos actos de celebración do Día Mundial do Alzheimer organizando unha xornada informativa

Burela, 16 de setembro de 2014. O domingo, 21 de setembro, celébrase o Día Mundial do Alzheimer e a Concellaría de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela organiza unha xornada informativa sobre esta patoloxía que afecta a enfermos e coidadores. Os actos terán lugar o luns, 22 de setembro, a partir das 11:30 da mañá no salón de plenos da Casa do Concello e estarán divididos en dúas partes. Haberá unha conferencia sobre Alzheimer e persoas coidadoras, a cargo da terapeuta ocupacional e maestrada en Dependencia e Xestión de Servizos Sociais Mª Reyes Quelle Fra. E posteriormente farase a presentación oficial da Asociación AFAN (Asociación de Familiares de persoas Enfermas de Alzheimer e Outras Enfermidades Neurodexenerativas de Burela).

Paralelamente, durante toda a mañá membros de AFAN estarán na praza do Concello nunha mesa informativa coa que pretenden difundir información sobre a enfermidade do alzheimer e solicitar o apoio e a solidariedade de toda a poboación. Dende o Concello, Diana Durán, responsable dos Servizos Sociais municipais, recordou que “en setembro de 2012 tivo lugar a primeira xuntanza coas familias de enfermos de alzheimer e outras patoloxías neurodexenerativas. Este encontro foi o que propiciou a creación da asociación AFAN Burela, onde se realizaron tarefas de orientación e de tramitación de toda a documentación coa finalidade de conseguir liñas de financiamento e subvencións para levar a cabo programas específicos cos que apoiar a estas familias e ás persoas que sofren estas patoloxías”.

A concelleira engadiu que “xa no pleno celebrado o 31 de xaneiro de 2013 en Burela, quedou declarado o municipio como localidade solidaria co alzheimer. Este feito supón unha aposta decidida do Concello a prol dos servizos sociais para persoas maiores, que ven avalado polos programas que estamos a realizar e que temos e tivemos en activo durante toda a lexislatura: ximnasia preventiva para maiores, fisioterapia a domicilio, apoio á dependencia, o programa Axilmente, a Aula Sénior, a Escola de Columna, o apoio a pacientes con necesidades paliativas, etc…”.

Diana Durán defendeu a necesidade de celebrar unha xornada informativa sobre o alzheimer en Burela afirmando que “é prioritario non só coñecer, senón tamén analizar en profundidade cales son as principais necesidades da persoa afectada, saber qué necesita, coñecer as dificultades que afronta e satisfacer as súas carencias. Só desta maneira poderemos definir un marco de apoio adecuado, efectivo e eficaz que sexa o piar fundamental de apoio tanto para as persoas enfermas, coma para os seus familiares e coidadores”.

A edil popular subliñou que “a persoa afectada polo alzheimer debe ser o centro de atención e o eixo en torno ao cal xiren absolutamente todos os esforzos e os pasos que teñan que darse para mellorar a súa calidade de vida e da todos os que lles atenden e coidan cada día”.

Exit mobile version