Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela volve poñer en marcha o seu programa gratuíto de formación ‘Educando en Familia’

Burela, 6 de setembro de 2014. O Concello achega un ano máis a todos pais de cativos con idades comprendidas entre 0 e 3 anos, a posibilidade de participar no programa Educando en Familia. A iniciativa da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela persigue acompañar ás familias na súa labor de educadores e educadoras axudándolles a resolver calquera dúbida que se lles presente na crianza dos seus fill@s nacid@s entre os anos 2012 e 2014.

Diana Durán lembra que “o programa ten carácter gratuíto e vai dirixido tanto a pais de nen@s que asisten á escola infantil, coma aos que non. As actividades formativas levaranse a cabo semanalmente e consistirán na realización de reunións informativas nas que se compartirán dúbidas e experiencias coas demais familias, facendo actividades axeitadas a cada idade e nas que os asistentes poderán xogar relaxadamente cos seus fillos e fillas”.

Os interesados poden recibir máis información no teléfono da mestra do programa, Fany, 696 31 50 98, no Centro de Información ás Mulleres de Burela 982 58 06 09 ou 982 58 60 00, ou asistindo ás reunións organizadas polo propio Concello que terán lugar a vindeira semana na Aula de Familia da Casa de Cultura. O luns, 8 de setembro, a partir das 10:30 da mañá levarase a cabo a primeira reunión dirixida a familias con nen@s nacid@s no 2014. O martes 9 a partir das 16:00 horas terá lugar a segunda charla dirixida a familias con nen@s nacid@s no 2013. E xa o xoves 11 a partir das 16:00 horas será a charla para as familias con fill@s nacid@s no 2012.

A concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán, animou aos usuarios “a participar, xa que se trata dun programa sen custo para as familias e que pretende acompañar aos coidadores na labor de educar ós seus fillos. Nas xuntanzas da vindeira semana explicarémoslles en qué consiste este programa e como o levaremos a cabo nos vindeiros meses”.

Exit mobile version