O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, explica que deste xeito por un lado “mellórase a capacidade económica do Concello de Ribadeo, que non terá que agardar ao remate das obras para ir recibindo eses fondos” e ademais “favorécese o avance dos traballos que comezaron o pasado mes de xuño para que este servizo tan necesario estexa a disposición de todos os ribadenses canto antes”. Antonio Veiga reiterou que “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación con Ribadeo e co benestar social da súa xente é total e demostrase na construción desta residencia, que será financiada pola área de Benestar Social da Deputación de Lugo”.
Antonio Veiga reiterou que “Ribadeo e os seus cidadáns merécense esta infraestrutura social tan necesaria e pola que levan tanto tempo loitando” e instou unha vez máis á Xunta de Galiza a “aclarar dunha vez se vai poñer cartos ou non para esta residencia, sen máis desculpas nin atrancos, porque a este ritmo rematarán as obras e a Xunta de Feijóo seguirá poñendo desculpas de mal pagador para non aportar cartos para a residencia”.
1,8 millóns de euros en catro anualidades
Na rolda de prensa logo da Xunta de Goberno desta mañá o voceiro do BNG na Deputación, Mario Outeiro, explicou que a adenda aprobada hoxe complementa o acordo da Xunta de Goberno da Deputación do pasado mes de novembro, no que a Vicepresidencia da Deputación efectivizou seu compromiso coa construción da Residencia da Terceira Idade de Ribadeo mediante un investimento de 1.828.000 euros que se concretarán en catro anualidades até 2016 (no orzamento de 2013 consignouse para a residencia da terceira idade de Ribadeo unha subvención excepcional de 528.000 euros, no orzamento de 2014 reserváronse 500.000 euros para o mesmo fin, e estableceuse unha previsión de crédito de 600.000 euros para 2015 e de 200.000 para 2016).
Mario Outeiro afirmou que “ten que ser a Deputación quen asuma a construción desta infraestrutura cando é a Xunta quen ten as competencias na materia”. O voceiro nacionalista na Deputación denunciou que “a Xunta de Galiza desatende as súas obrigas en materia de benestar social” pero dixo que “co apoio da Xunta ou sen el, Ribadeo terá residencia da terceira idade”.
Servizo moi necesario
Mario Outeiro destacou que esta residencia non só dará servizo a Ribadeo, senón tamén a concellos limítrofes. Esta infraestrutura, que se está a construír na parcela onde se atopaban as antigas vivendas de profesores e un dos inmóbeis colindantes, entre as rúas Paco Lanza e Alfredo Deaño, supón un investimento aproximado de 2,3 millóns de euros e está deseñada para atender a entre 44 e 46 usuarios e usuarias.
“Investir en políticas sociais –continuou o voceiro nacionalista– é primordial en Galiza e en particular en Lugo, dado o grao de avellentamento da nosa poboación e as circunstancias que viven os pensionistas do país, cunha pensión media mensual de 721,78 euros, mentres no resto do Estado a media é de 858,1 euros mensuais; pensións ás que, ademais, debemos restar os diferentes copagos implantados polo Partido Popular no eido sanitario nos últimos dous anos, e que deixan unha marxe mínima para levar unhas condicións dignas de vida”.