Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello despide a Waara e Bachrir despois de pasar as vacacións de verán en Cervo coas súas familias de acollida

saharauis-cervoCervo, 4 de setembro de 2014- A edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, e a de Xuventude, Yolanda Pedreira, recibiron na Casa consistorial a Waara e Bachrir, os dous nenos saharauís que pasaron os meses de xullo e agosto no concello. Unha representación do goberno local xa saudara a Waara e Bachrir á súa chegada a Cervo e este xoves as dúas concelleiras quixeron facer o propio para desexarlles unha boa viaxe de volta ás súas casas, no Sáhara Occidental, e para saber como foi a súa estancia no municipio nestes meses.

Armada e Pedreira preguntáronlles polas actividades que realizaron nestes meses, polo que máis lles gusta facer e outros detalles das súas vacacións en Cervo. Un acto no que o Concello lles entregou agasallos desexando ao mesmo tempo que leven un bo recordo deste verán.

Un encontro no que tamén estiveron presentes as familias de acollida, que levan varios anos participando no programa Vacacións en Paz da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí que, coa colaboración económica do Concello, fan posible que nenos como Waara e Bachrir gocen dunhas vacacións tranquilas lonxe dun clima bélico e da abafante calor do deserto.

A edil de Servizos Sociais destacou o “papel imprescindible das familias, que son as que fan un importante esforzo, totalmente desinteresado, para acoller a estes nenos, aos que tratan coma un membro máis”. “Hai que ter en conta que sen a disposición das familias este acollemento non sería posible”, engade Armada.

Ao mesmo tempo a edil lembra que este programa está aberto a todas as familias de Cervo, que en caso de estar interesadas “atoparán todo o apoio do Concello”.

Exit mobile version