Burela, 6 de setembro de 2014. Burela fixo público hoxe o balance turístico do verán. En total 1.806 persoas pasaron pola oficina municipal de turismo durante o pasado mes de agosto en busca de información. Segundo os datos que manexa o Concello, madrileños e castelán leoneses foron os visitantes con máis presenza a nivel nacional, mentres que os franceses, os portugueses e os ingleses destacaron dentro do total dos 82 visitantes estranxeiros que decidiron achegarse ata Burela. As concelleiras de Turismo e Mar, Mónica Pedre e Patricia López Eijo, valoraron de xeito positivo estas cifras, así coma as 1.761 visitas que recibiu o barco museo Reina del Carmen desde maio ata o 31 de agosto.
Os datos fixéronos públicos as Concellerías de Mar e de Turismo de Burela, e neles pódese observar coma dos 1.806 visitantes que pasaron pola oficina de turismo, 556 procederon de Madrid, e 214 de Castela e León, ocupando así estes turistas nacionais o primeiro e o segundo posto no listado. O terceiro lugar foi para os visitantes vascos, que efectuaron 163 visitas. O cuarto para os cataláns con 113 e o quinto para os valencianos con 111. Por detrás de todos eles situáronse os propios galegos, así coma os veciños asturianos, os andaluces, os aragoneses, os cántabros, os rioxanos, os murcianos, os navarros e os visitantes procedentes de Ceuta e Melilla.
A nivel internacional, Burela contou con 82 visitas de turistas estranxeiros. 41 foron franceses, un número moi superior aos portugueses e aos ingleses que comparten o segundo posto con 8 visitantes cada país. No terceiro lugar sitúanse os italianos con 5 e no cuarto os alemáns e os xaponeses con 3. A partir de aí, atópanse países coma Polonia, Arxentina, Uruguai, Bélxica, Canadá, Andorra ou EEUU, que realizaron tan só unha ou dúas visitas no mes de agosto na oficina municipal de turismo municipal, que seguirá aberta ata o 21 de setembro.
O Concello tamén deu a coñecer os datos de visitas efectuadas ao barco museo Reina del Carmen. En total, 1.174 persoas visitaron de forma individual, ou en pequenos grupos familiares, este atractivo turístico entre os meses de xullo e agosto. A esta cifra hai que engadirlle as 17 visitas organizadas por centros educativos e asociacións procedentes de Ourense, Langreo, Taramundi, Mugardos, A Coruña, Ortigueira, Ferrol ou Monforte, que levaron a Burela un total de 572 turistas entre maio e xullo do presente ano. No mes de agosto, o barco museo só contabilizou unha visita colectiva na que participaron 15 persoas máis. Por tanto, a cifra total de visitas entre maio e agosto do 2014 no Reina del Carmen foi de 1.761 persoas. O barco museo Reina del Carmen manterá horario de mañá e tarde ata o vindeiro domingo, 14 de setembro, e despois continuará abrindo os sábados.
A ocupación hoteleira roldou o 100% en certos momentos do verán, coma a última semana de xullo e as tres primeiras de agosto.
As concelleiras de Turismo e Mar, Mónica Pedre e Patricia López, mostráronse contentas cos datos e sinalaron que “toda a promoción turística levada a cabo polo Concello nas feiras ás que acudiamos durante o ano acaba dando os seus froitos. Cada vez son máis as persoas que se achegan a coñecer o noso pobo, e isto é algo que nos anima para seguir a traballar na mellora do turismo en Burela”.