Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello recepciona a depuradora de Cervo e asume o seu mantemento

recepcion-edarCervo, 3 de setembro de 2014- O Concello vén de recepcionar a depuradora de Cervo. Un acto ao que asistiron varios membros do goberno local, técnicos municipais así como representantes da empresa adxudicataria e de Augas de Galicia, organismo que financiou as obras e que se encargou da súa xestión, funcionamento e gastos de mantemento durante dous anos. Transcorrido este prazo, agora é o Concello o que asume estas obrigas.

A rede de saneamento e a depuradora de augas residuais de Cervo entrou en funcionamento hai dous anos e supuxo unha importante mellora medioambiental, especialmente no río Xunco, xa que esta foi a primeira vez que o núcleo de Cervo tivo un servizo de saneamento real. Augas de Galicia investira nesta infraestrutura completa máis de 1,3 millóns de euros.

Ademais, cabe destacar o innovador sistema instalado, xa que a depuración é ecolóxica e faise a través dun filtro de plantas acuáticas en flotación. Isto permite tratar a auga de forma sostible e totalmente respectuosa co medio ambiente. Ao mesmo tempo, hai que lembrar que este sistema pioneiro reduce os custos de explotación da depuradora.

A EDAR de Cervo ten capacidade para dar servizo a unha poboación de 1.500 persoas. En canto á rede de saneamento, inclúe tubaxes independentes para pluviais e residuais, de forma que a auga procedente da chuvia vai por unha canalización e a que chega dos fogares vai por outra. Con esta medida pretendeuse minimizar o risco de inundacións.

Exit mobile version