Site icon Crónica3.com A Mariña

O Consello Aberto de Espazo Ecosocialista aposta por reforzar o carácter cidadán das Mareas

O Consello Aberto Nacional de Espazo Ecosocialista, reunido en sesión ordinaria hoxe sábado 20 de setembro, abordou o inicio do curso político que estará condicionado polo proceso previo ás próximas eleccións municipais.

Para Espazo Ecosocialista estamos diante dunhas eleccións de marcado carácter político pois forman parte do episodio de cambio político nos que se ten que dilucidar o resultado dun proceso constituínte aberto de facto e tamén porque os seus resultados van a ser determinantes no proceso de reconstrución que vive a esquerda.

De feito son as eleccións que poden servir para pechar o marco aberto simbolicamente polo movemento 15M durante as pasadas eleccións municipais. Trátase, nese senso, dunhas eleccións nas que o importante non serán as actas de concelleiros/as que se obteñan, senón a perspectiva de cambio que se lle dea as mesmas.

O movemento do 15M, a crise da política clásica, a irrupción de AGE, as Marchas da Dignidade ou o xurdimento de Podemos son capítulos dese mesmo marco de cambio ligado ao esgotamento dun modelo político que concibe a democracia como instrumento dunhas relacións de poder ilexítimas, e que agora abre unha nova etapa na que democracia empeza a ser entendida como unha expresión complexa de carácter cívico e cultural.

Nestes días están a xurdir diferentes iniciativas, chamamentos e manifestos na liña de como abordar ese novo tempo. Algunhas experiencias unitarias como ACE en Cangas; experimentación política a partir da necesidade de abrir un camiño, como Ames Novo, ou manifestos de cambio como Marea Atlántica na Coruña, son os máis significativos e marcan os pasos a dar.

Para Espazo necesitamos procesos cidadás e inclusivos, onde os partidos que decidan somerxerse no medio das augas da Marea o fagan ‘desarmándose’ e cedendo a súa soberanía as cidadás. Non se trata de se a converxencia se produce nos marcos da esquerda ou dos do nacionalismo, pois situando a proposta programática na esquerda e sendo o carácter nacional o factor político para vertebrar hexemonías, a chave neste momento esta no factor democrático. Non abonda coa mera unidade como elemento agregativo de siglas, senón que cómpre a cooperación política entre espazos culturais e cidadáns.

Espazo entede que para construír a alternativa democrática faise necesario o entendemento dos espazos de AGE e de Podemos, máis alo das siglas concretas.

Espazo Ecosocialista anima aos seus membros e simpatizantes a participar dos procesos cidadáns abertos, nomeadamente mareas, situando con claridade aqueles elementos estratéxicos, programáticos e metodolóxicos  necesarios que desenvolvera na “Conferencia política sobre a construción de alternativas nos concellos”  que convoca para o sábado 8 de novembro de 2014.

Ademais o Consello Aberto de Espazo aprobou unha declaración institucional coincidindo co día internacional da Paz onde se “reitera o seu compromiso pacifista, en favor do DEREITO DOS POBOS, DE TODOS OS POBOS, A VIVIR EN PAZ, da solución pacífica e diplomática dos conflitos, da aplicación respetuosa da legalidade internacional, da nonviolencia e a renuncia á forza militar nas relacións internacionais, e a prol da cultura da paz, principios todos eles contemplados na Carta Fundacional das Nacións Unidas e violentados permanentemente polas grandes potencias, as mesmas que teñen dereito de veto no Consello de Seguridade e os principais exportadores de armas no mundo.”

Incorporanse a Espazo Carlos Etchevarria e Elias  Pérez Sanchez

O Consello Aberto de Espazo ratificou as incorporacións do terceiro trimestre do ano. En total 25 altas, entre as que cabe destacar os Carlos Etchevarria e Elias  Pérez Sanchez referentes éticos e políticos do republicanismo socialista.

Carlos Etchevarria, Presidente-fundador do Ateneo republicano de Galicia (A Coruña) (1998-2009), membro da Junta Democrática e do PSP de Tierno Galvan.

Elias Pérez, foi membro da corrente Esquerda Socialista e recentemente coordinador galego de Cli-AS. Ademais presidiu a plataforma polo Dereito a Morrer Dignamente.

Exit mobile version