Site icon Crónica3.com A Mariña

O director do IGAPE inicia unha viaxe a Brasil para explorar novas oportunidades de negocio para as empresas galegas

Santiago, 1 de setembro de 2014.- O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, emprenderá este martes unha misión comercial a Brasil co obxectivo de explorar novas oportunidades de negocio para as empresas galegas no país sudamericano, un periplo que nos próximos días levaralle a entrevistarse co Secretario de Estado da Casa Civil de Río de Janeiro, e manter, en Recife, unha reunión de traballo co presidente da Axencia de Desenvolvemento Económico de Pernambuco.

Mañá martes, Javier Aguilera asinará co Secretario de Estado da Casa Civil de Río de Janeiro, Leonardo Espíndola, un protocolo de colaboración co Goberno do Estado de Río destinado a estimular e incrementar as relacións económicas e empresariais entre Galicia e Brasil, un dos mercados que máis interese esperta entre as empresas galegas que apostan pola súa implantación comercial no exterior.

Por outra banda, o director xeral do Igape tamén manterá un encontro de traballo coa Asociación de Empresarios de Galicia en Río (AEGAL), coa que o Goberno galego xa ten asinado un convenio de colaboración para alentar a súa participación na captación de investimentos cara a Galicia e para cooperar na procura de clientes para as empresas galegas en Brasil.

Logo de celebrar reunións con representantes da Organización nacional da industria do petróleo (ONIP), da Federación de Industrias de Río (FIRJAN) e do Sindicato nacional da construción e reparación naval e offshore (SINAVAL), o próximo mércores o director do Igape desprazarase ao Estado de Pernambuco, onde visitará Porto Suape. Por último, asinará o venres en Recife un acordo de colaboración coa Axencia de Desenvolvemento Económico de Pernambuco (AD DIPER).

As exportacións galegas a Brasil roldaron os 190 millóns de euros en 2013, un 14% máis que o ano anterior, un crecemento que se estendeu ao volume de empresas que venderon os seus produtos e servizos ao país sudamericano: un total de 288 compañías galegas exportaron o pasado ano a Brasil, un 17% máis que no exercicio anterior.

Brasil é ademais un dos mercados preferidos polas empresas da comunidade que apostan pola súa implantación comercial no exterior contando co apoio do programa Primex de respaldo á primeira exportación. De feito, máis de medio cento de empresas de sectores como o de metal, o naval ou o alimentario están a colaborar, no marco de 9 proxectos apoiados pola Xunta de Galicia, para ampliar os seus negocios en Brasil.

Exit mobile version