Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno burelés aprobou o proxecto de renovación do teito do pavillón dos Castros con 97.000 euros de orzamento

Burela, 9 de setembro de 2014. O goberno burelés aprobou na sesión da xunta de goberno deste martes o proxecto técnico de renovación do teito do pavillón dos Castros, do CEIP Virxe do Carme. O alcalde burelés, José María González Barcia, visitou o centro este martes, acompañado do concelleiro de obras, Manuel Fernández Valle, para verificar as actuacións levadas a cabo polo Concello, e comunicoulle ao director e ao equipo directivo do centro a intención de levar a cabo esta obra en 2015.

O alcalde burelés manifestou que “cada inverno temos problemas co teito deste pavillón, xa que a súa configuración permite que os efectos do vento sexan maiores do que deberían ser, co conseguinte esforzo económico que temos que facer todos os anos para manter o teito en condicións. Por iso entendemos que hai que cambialo por panel sándwich, doado de colocar, resistente e lixeiro. De aí a aprobación, hoxe, na xunta de goberno, deste proxecto, aínda que iso que non quere dicir que se vai facer xa a obra”.

González Barcia buscará a colaboración da Xunta para que financie en todo ou en parte eses traballos: “de feito, aproveitei a visita de onte do conselleiro de Educación para explicarlle a situación e entregarlle unha copia do proxecto”. O presuposto ascende a 97.000 euros.

O alcalde tamén se referiu aos aseos e vestiarios do pavillón dos Castros: “estamos preparando unha pequena memoria para ver exactamente qué actuacións temos que levar a cabo para corrixir algunha deficiencia; cando teñamos dotación presupostaria acometeremos esta actuación. Teño que lembrar que este verán renovamos totalmente a pista polideportiva descuberta, cun investimento de preto de 22.000 euros”.

Finalmente, González Barcia dixo que “o Concello cumpriu cos dous CEIPs de cara a comezar o curso sen problemas, e con todo o que a nós nos corresponde absolutamente en regra”.

Exit mobile version