“As escasas subvencións da Deputación para Foz son á carta: a asociacións e incluso a particulares, esquivando as prioridades do Concello e evitando falar co goberno municipal para saber cales son as necesidades; faino directamente, por motivos políticos, con particulares ou asociacións que lles interesan. Neste sentido hai un exemplo moi claro nas beirarrúas de Fazouro, unha obra que deu a dedo a un particular, que esa persoa adxudicoulla a un alto cargo do Partido Socialista de Foz, e esas beirarrúas deixáronse sen acabar de facer, como se ve nas fotos que achegamos. Esas son as obras que fai a Deputación. Por certo, foron xestionadas por Xaime Cancio e contratáronllas ao que foi o seu valedor en todo este tejemaneje. Aí están os ex concelleiros do PSOE en Foz para acredítalo. En cambio a Xunta de Galicia fixo outras beirarrúas, neste caso en Cangas de Foz: uns mil metros de beirarrúas perfectamente rematadas e dentro duns meses farase o seguinte tramo”, explica o goberno local focense.
En resposta ás declaracións realizadas pola vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez, o primeiro tenente de alcalde en Foz, Pedro Fernández Manín, manifestou hoxe: “lamentamos as súas palabras con respecto aos investimentos que a Deputación di facer no noso concello, posto que na súa nota de prensa a señora Lara Méndez fai alusión a obras realizadas en lugares que di que son de Foz, cando realmente pertencen a parroquias do seu concello de Cervo. Non sabemos como pode incluílas aquí. Nesa mesma nota a señora Lara Méndez vennos a dar a razón precisamente en que os investimentos neste mandato foron moi poucos por parte da Deputación ao Concello de Foz, posto que fai alusión a obras adxudicadas cada era alcalde o socialista García Rivera. Debe darse conta de levamos máis de 3 anos co señor Castiñeira na Alcaldía”.
Fernández Manín engadiu que Lara Méndez “tamén quere comparar os investimentos da Deputación cos da Xunta de Galicia en Foz e creo sinceramente que fai o ridículo. Presume de aportar 13.000 euros en dous anos para axuda no fogar e servizos sociais cando a Xunta de Galicia aporta 180.000 euros ao mes para dependencia. Ademais o ano pasado, concretamente, a Xunta concedeunos unha subvención ao Concello de Foz para asuntos sociais de 120.000 euros a maiores. Por outra banda, a Xunta de Galicia concedeulle ao Concello de Foz tres obradoiros de emprego ademais de cursos de formación dos que se beneficiaron persoas do concello de Foz. E a Deputación o que fai é non conceder nin unha soa subvención para formación de desempregados ao Concello de Foz”.
O goberno municipal focense considera que a vicepresidenta segunda da Deputación “non debería falar da construción do xeriátrico de Foz. Podería falar do de Ribadeo, para o que deron un millón de euros, pero do xeriátrico de Foz non pode dicir nada porque o único que ofrecían era unha subvención de 30.000 euros ao señor Rivera antes das eleccións para intentar calmar un pouco á xente por non ter cumprido o goberno bipartito da Xunta de Galicia a promesa de facer ese xeriátrico. Agora si a Xunta, concretamente a Consellería de Traballo, está a facer o xeriátrico en Foz e invitamos á señora Lara Méndez a que veña ver a obra cando queira. Fala tamén do corredor da Costa e non se dá conta de que se xa se reiniciaron as obras desa infraestrutura, que precisamente pasa polo seu municipio. Non se decata nin das obras que se están facendo na Mariña”.
Ademais o primeiro tenente de alcalde critica o estado das estradas do municipio focense pertencentes á Deputación: “son unha vergoña, non soamente as do medio rural senón tamén a rúa Álvaro Cunqueiro, que está chea de fochancas e esquécense totalmente dela, igual que ocorre coas beirarrúas que van dende a Rapadoira a Llas”.