Site icon Crónica3.com A Mariña

O III Fórum de Innovación e Formación sobre vehículos organizado pola Asociación APAGA mellorou nun 25% a participación do anterior

Ribadeo, 2 de setembro de 2014. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) mostrouse moi satisfeita cos datos de participación obtidos no seu III Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, celebrado a pasada semana no Hotel O Cabazo de Ribadeo. O colectivo confirmou que a asistencia a este ciclo formativo medrou este ano cerca dun 25% e adiantou que xa están a traballar para ofrecer novidades na vindeira edición, a de 2015. O colectivo conta actualmente con convenios de colaboración con empresas e entidades en diferentes países de Europa. A través deles intenta mellorar a formación entre os profesionais dedicados ao mundo do automóbil.

Álvaro Doural, presidente de APAGA, afirmou que “a sensación unha vez finalizado o Fórum é moi positiva. Por unha parte logramos un incremento de participación dun 25% aproximadamente e por outro presentamos unhas conferencias que tiveron un nivel altísimo. Foron xornadas dun intenso traballo nas que comezábamos ás 09:00 da mañá e rematábamos ás 15:30. Con todo, os resultados son moi positivos e creo que se abre un período de traballo para iniciar a programación do noso IV Forum”.

Paralelamente APAGA organizou a II Mostra e Feira de Coches Clásicos, que se desenvolveu os días 30 e 31. Para o colectivo, un dos actos máis importantes do Fórum foi a conferencia impartida por Ramón Roca Maseda. En palabras de Álvaro Doural, “Ramón Roca Maseda logrou atraer a moita xente interesada pola restauración. Actualmente con todo o desemprego que existe, é importante coñecer a restauración coma un campo importante de traballo, e ademais a xente está concienciada medioambientalmente sobre a importancia de restaurar vehículos antigos”.

Doural resaltou ademais a exposición de vehículos clásicos da marca Ford que tivo lugar o pasado sábado, ao carón do Cine Teatro de Ribadeo. “Foi un éxito o día de Ford, xa que aínda que na conferencia non houbo os niveis de participación que nós esperábamos, pasou moita xente pola exposición das Catro Calles. Coma sempre, todos estes resultados están en fase de estudo agora mesmo para establecer unhas liñas de mellora para o ano que ven, poder incorporar novas cousas como se incorporou este ano a feira de compra e venda e o tema de motocicletas”, dixo o responsable de APAGA.

Dende APAGA, Álvaro Doural deixou claro que “somos unha asociación sen ánimo de lucro que seguimos a traballar pola formación profesional e que contamos cun gran apoio das empresas privadas de Ribadeo e dos arredores, do Concello de Ribadeo, e da Deputación de Lugo, sen o que non poderíamos levar estas actividades adiante. Por iso cando un se sinte arroupado dende estas entidades, logra que isto acabe dando prestixio a Ribadeo. A praia das Catedrais é importante, pero estas cousas tamén o son porque permiten un movemento de xente a Ribadeo, que despois traerán ás súas familias e darán o pobo a coñecer”.

O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia recordou que “APAGA está agora mesmo moi introducida en Europa con programas de colaboración na República Checa, Italia, Alemaña, Francia, Polonia ou Romanía. Incluso, fai apenas un mes, aprobóusenos un proxecto europeo novo e estamos agora pendentes doutro. O que quere dicir que estamos abrindo fronteiras en futuras liñas de colaboración con empresas e institucións que pertencen a outros países da Unión Europea. Isto vai permitirnos enriquecer á xente que está con nós, ás empresas e ás institucións, pero é importante saber que temos que seguir a traballar.”

Exit mobile version