Site icon Crónica3.com A Mariña

O ISSGA avoga polo traballo conxunto da Administración, as empresas e os empregados na prevención de riscos laborais

Xove (Lugo), 23 de setembro de 2014.- A directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, destacou este martes a importancia de que a Administración, as empresas e os empregados traballen conxuntamente na prevención de riscos laborais.

Quinzá-Torroja inaugurou a ‘VIII Semana Galega de Seguridade na Mariña’ en Xove e, na súa intervención, explicou que “para que sexa real e efectiva a adquisición de hábitos seguros de traballo en todo momento é preciso que a empresa dea as instrucións precisas e poña a disposición os equipos de protección, así como a información sobre o posto de traballo; que os representantes dos traballadores asuman eficazmente o seu papel neste ámbito; e que os empregados e empregadas cumpran as instrucións recibidas, utilicen correctamente os equipos e asuman que deben ser protagonistas do seu dereito a un traballo seguro”.

Para a directora do ISSGA, a organización desta semana durante oito anos “coloca á Mariña como modelo a seguir na promoción e na difusión da cultura preventiva no traballo”. “Con esta actividade amósase un tecido empresarial que, coa intervención das organizacións sindicais e dos traballadores e traballadoras, asume como obriga o dereito indiscutible a seguridade e saúde laboral”, indicou Quinzá-Torroja.

Neste sentido, a responsable do ISSGA referiuse á “cadea de prevención” que supón a posta en marcha, por parte da empresa principal, dun plan de prevención que deben seguir as auxiliares, así como a necesidade de observar a coordinación entre elas para evitar accidentes.

Esta Semana conta coa presenza activa por parte do ISSGA, tanto a través do stand no que se pode acadar material informativo e formativo nos áreas de industria, forestal e de mar; así como con relatorios sobre seguridade no mar, o sistema de xestión en empresas e seguridade en traballos forestais e agrícolas.

Por último, Quinzá-Torroja indicou que tamén haberá un espazo adicado aos nenos e nenas no que se repartirá a ‘Guía sobre Seguridade viaria’ que o ISSGA elaborou como material para a súa ‘Escola de Prevención’. Esta ten como misión inculcar o valor de anticiparnos para evitar que os riscos se convertan en sinistros.

Exit mobile version