Esta foi sempre unha promesa recorrente do Partido Popular e tamén un compromiso firme expresado polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co obxectivo de dotar á comarca da Mariña duns servizos acordes á súa dimensión e propios dos retos que a sanidade pública debe prestar neste século XXI.
Unha meta tan ambiciosa era unha aposta de risco. Sabedores que, tras acceder á Xunta, os actuais responsables autonómicos enfrontábanse, en plena crise, cun orzamento inferior aos anos precedentes, algo que acontecía por primeira vez na nosa historia. Había que facer máis con menos. Facer en tempos de dificultade o que outros ou non souberon, ou non quixeron, levar adiante en tempos de bonanza.
Pero negar que o Hospital da Costa precisa dunha ampliación era negar unha evidencia e por iso, había que ser sensatos, dicir as cousas como son. Os cidadáns reclaman dos seus representantes sinceridade, determinación, proximidade e sobre todo capacidade para resolver problemas e xestionar a realidade.
Cando o este xoves, o Consello da Xunta acordaba a adxudicación do plan director para a ampliación do Hospital da Costa, cun importe estimado de 112.530 euros e un prazo de execución de 4 meses, moito inferior ao previsto inicialmente, temos dado un paso decisivo e imprescindible, para facer realidade este proxecto que, esperemos pronto poida materialice no inicio das obras.
Hai quen leva anos poñendo en dúbida o noso compromiso coa sanidade pública. Pero a mellor resposta son os feitos. Feitos como a adxudicación do plan director, como a remodelación integral da área de maternidade, a reforma dos quirófanos, a dotación de nova tecnoloxía ou as obras da nova sala de quimioterapia… Podemos discutir tempos e ritmos, todos desexamos axilidade, pero os feitos están aí e merecen ser valorados con xustiza.
Mellorar o centro é un obxectivo de todos. Pero facer do Hospital da Costa o noso hospital, un centro máis próximo é mellor, non foi -nin será- mérito tan só dunhas obras, senón tamén do seu excelente capital humano. Por iso merecen o seu recoñecemento todos aqueles profesionais que, dalgún xeito, hoxe e no pasado, no seu tempo e circunstancia, poñen empeño, emoción e traballo.
Hoxe queremos referendar o noso compromiso co Hospital da Costa, e coa sanidade pública, piar fundamental do Estado de Benestar. Traballaremos por preservala e mellorala como garante dunha mellor protección da saúde.
Jose Manuel Balseiro Orol.