Site icon Crónica3.com A Mariña

O novo curso nas escolas da Galiña Azul comezou este xoves con preto de 500 prazas na Mariña

Foz, 4 de setembro de 2014.- Este xoves arranca o novo curso nas escolas infantís da rede A Galiña Azul na provincia de Lugo, onde se ofertan 940 prazas. Máis da metade delas, en concreto o 51,7%, corresponden á comarca da Mariña, segundo destacou a delegada territorial, Raquel Arias, nunha visita a unha escola de Foz.

Así, subliñou que na comarca hai oito escolas infantís, que ofrecen 486 do total da provincia. A delegada constatou que o inicio do curso se realizou con normalidade nos centros de Alfoz, Burela, Mondoñedo, O Valadouro, Ribadeo, Celeiro e unha das escolas de Foz, destacando que a outra escola desta localidade –Foz Purificación- está en obras e comezará a súa actividade máis tarde.

En concreto, en Foz Purificación estanse a substituír os forxados do edificio, cun investimento de 89.682 euros. En total, o investimento en melloras nas escolas infantís da provincia de cara ao presente curso foi de 136.673 euros.

Segundo engadiu, a oferta de prazas na provincia medrou nos últimos cinco anos nun 41%, “e seguen a desenvolverse novos proxectos, como a próxima construción doutra escola en Burela, que sumará 41 prazas”. A este respecto, explicou que “estase ultimando a redacción do proxecto, que podería estar listo neste mes para iniciar as obras a continuación”.

Arias apuntou que con este novo curso introdúcese como novidade a exención total de cota a partir do segundo fillo ou filla matriculado na mesma escola infantil para familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais.

Tamén estarán exentos os menores con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar. Esta medida está recollida no Decreto 91/2014, do 17 de xullo, polo que se modifica o Decreto 49/2012 do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Xunta.

A exención de cota a partir do segundo fillo ou filla forma parte do Plan para a dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020, aprobado no Parlamento de Galicia o ano pasado co obxectivo de acadar a rexeneración demográfica de Galicia. Este documento recolle ata 69 medidas para actuar de maneira eficaz, sostible e coordinada mediante un conxunto de estratexias de carácter transversal para atallar o problema da demografía na Comunidade autónoma.

No conxunto de Galicia, a oferta 0-3 da Xunta neste curso 2014/2015 ascende a 8.783 prazas en 147 escolas infantís. Ademais, á oferta autonómica súmanse as escolas municipais, escolas dependentes de entidades de iniciativa social ou doutras entidades públicas e arredor de 1.000 prazas de cheque infantil, polo que máis de 19.200 familias poderán contar no curso 2014/2015 cunha praza 0-3 sostida con fondos públicos.

Exit mobile version