Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno de Burela aproba a baixada de taxas municipais nun 0,5% para 2015

Burela, 26 de setembro de 2014. O pleno do Concello de Burela aprobou a modificación das ordenanzas fiscais para 2015. Baixarán un 0’5% as taxas da auga, lixo, terrazas, vaos permanentes, cemiterio e licenza de apertura, entre outras. Baixará tamén o IBI, ata onde a lei o permite, e suprímese a ordenanza sobre plusvalías. O rexedor criticou que a oposición non foi quen de presentar alternativas nin mocións en tempo e forma, senón que foron plantexadas no último momento de presa e correndo.
O rexedor contou que “onte pola tarde celebramos sesión ordinaria aquí no Concello de Burela e entre outras cousas, quedaron aprobadas as modificacións das ordenanzas fiscais para o 2015. Como se sabe, a proposta do Partido Popular era baixar nun 0,5% as taxas da auga, o lixo, as que pagan os bares polas súas terrazas, o imposto de vehículos, os vaos permanentes, o cemiterio e as licencias de apertura.Tamén a proposta do Partido Popular incluía a rebaixa do imposto de bens e inmobles, o IBI ou contribución urbana, que pasa do 0,42 ao mínimo que marca a lei que é o 0’40% e a partir de aí non se pode baixar máis. E ademais quedou suprimida a ordenanza sobre as plusvalías”.

José Mª González Barcia subliñou que “a oposición non formulou ningunha alternativa e isto xa non sorprende a ninguén. O Bloque Nacionalista Galego, o grupo mixto, cansouse de repetir que é unha cuestión puramente electoral esquecéndose de que o bipartito de aquí de Burela no seu momento aumentara todas as súas taxas nun 4,5%, esquecendo que aumentaran os vaos nun 10%, esquecéndose que aumentaran a ocupación das terrazas dos bares en certas zonas de Burela nun 50% e en definitiva, esquecéndose de que durante os catro anos que estiveron no Concello absolutamente todos os anos aumentaron os impostos”.

O alcalde sinalou que “o Partido Socialista unha vez máis demostrou unha pobreza argumental realmente preocupante. O portavoz do grupo socialista é unha persoa que non prepara os plenos, é unha persoa que lle dedica moi pouco tempo ao Concello por non dicir nada, e nese sentido non nos sorprende porque cando foi alcalde tampouco lle dedicaba tempo ao Concello. Dedicáballe tempo a andar tomando cafés, pero ningún tempo a facer xestións. O que si nos resultou rechamante é que o Partido Socialista despois de dicir que estas medidas non servían para nada e que eran un auténtico desastre, debeu recapacitar e se contradín porque onte apoiou a baixada das taxas un 0,5% e a baixada da contribución urbana ata 0,40%. Pero hai un dato que non se lle debe escapar á xente e é que o PSOE abstívose á hora de eliminar a ordenanza sobre plusvalías. O cal quere dicir, que eles están dispostos a aplicalo”. González Barcia lembrou que “aplicación das plusvalías no seu momento foi debida á situación pola que atravesaba o Concello de Burela. Para garantir a supervivencia e o mantemento dos servizos non nos quedou máis remedio que adoptar algunhas decisións, entre elas, esa que reitero que pode que non fose a máis acertada, pero naquel momento non tíñamos outra opción. Agora coa economía do Concello saneada, cos pagos ao día e sen gastar máis do que ingresamos e pagando o que debemos, agora é cando podemos baixar os impostos e aliviar a situación das familias e cidadáns deste concello. Aínda que o Concello vai seguir apertándose o cinto así mesmo coma non queda máis remedio, xa que é o que temos que facer porque a situación aínda que vai mellorando non está para grandes alegrías. Máis ben, para moi poucas”.

Na sesión plenaria de onte “quedou aprobada definitivamente a desafección de catro das vivendas dos mestres do colexio público Virxe do Carme. Agora mesmo quedan outras catro vivendas dos mestres sen desafectar, dúas delas están ocupadas por profesorado e hai outras dúas que imos ver cal é a situación administrativa, porque se podemos evidentemente o Concello quérese facer con elas, porque, como xa fixemos coas outras dúas que arranxamos, a nosa intención é habilitalas ben como local de asociacións ou para algún outro tipo de servizo social que se poida poñer en marcha, como queremos facer cunha desas dúas vivendas que temos arranxadas e que se vai destinar para casos de violencia de xénero ou de exclusión social”, indicou González Barcia.

O equipo de goberno amosouse sorprendido “pola capacidade de traballo dos grupos políticos da oposición, que queda reflectida en que en dous meses, que transcorreron dende a celebración do pleno de xullo ata agora, non foron capaces de presentar ningunha moción en prazo. O Partido Socialista presentou tres mocións entre o martes e o mércores, non foron capaces de presentalas antes, e iso resulta ata certo punto preocupante e demostra que no grupo socialista non se traballa, porque contan cunha persoa que cobra como deputado provincial e resulta que é incapaz de presentar ningunha moción nin ningún escrito en tempo e forma dirixido ao pleno do Concello. E espera ata o último momento. Por parte do grupo mixto, tres cuartos do mesmo, aínda que isto enténdese algo máis porque se o grupo socialista está formado por 5 persoas, das cales non traballa ningunha, no grupo mixto hai unha soa persoa e comprendo que poida ter máis problema á hora de poder desenvolver o seu traballo como concelleiro”.

Mocións
O alcalde de Burela dixo que “o que tamén é certo é que algunha desas mocións sinceramente non tiña moito sentido: unha presentada polo grupo socialista sobre a banda de música onde pedía que abriramos un proceso de negociación coa banda. Nosoutros xa falamos en reiteradas ocasións coa asociación de ámbito privado que xestiona a banda e a nosa postura está moi clara, o que propoñemos é que a banda se integre na Escola Municipal de Música, de onde nunca tivo que ter saído, porque a banda sempre estivo integrada dentro da Escola Municipal de Música ata que o bipartito, sabe Deus por que escuros motivos, aínda que son adiviñables, optou no seu día por trasladarlle a banda a unha asociación de ámbito privado. Nós deixamos moi clara a nosa postura a través dunha emenda, que saíu aprobada no día de onte”.

“Todos os grupos apoiamos por unanimidade unha moción presentada polo grupo mixto para facilitar que os nosos conveciños rapaces e rapazas de cor poidan ter o mesmo acceso á práctica deportiva de base que as persoas nacidas en España, porque se está aplicando a mesma norma que se aplicou ao FC Barcelona á hora de fichar xogadores de fútbol estranxeiros. E a diferenza é evidentemente substancial: os clubs deportivos do noso concello non teñen nada que ver co ámbito profesional do FC Barcelona. Polo tanto entendemos que hai que facilitarlles o acceso á practica deportiva de base aos rapaces e rapazas de cor, que teñen todo o dereito do mundo a facer deporte, exactamente igual que os demais rapaces e rapazas do noso concello”.

Exit mobile version