Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Deputación presentará no Día do Veciño o balance dos orzamentos participativos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentará mañá domingo o balance da primeira fase dos orzamentos participativos no marco do Día do Veciño, que reunirá a 3.000 persoas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Unha vez rematado o prazo no que os cidadáns puideron dar a súa opinión, Gómez Besteiro anunciará os datos finais de participación no proceso, tanto das persoas que o fixeron de xeito directo como a través de asociacións. Dará así mesmo a coñecer as áreas prioritarias nos presupostos provinciais do 2015. Deste xeito, a entidade luguesa segue avanzando na elaboración dos primeiros orzamentos participativos dunha Deputación en España.

Por outra banda, o organismo provincial aproveitará o Día do Veciño para seguir sumando apoios á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Está previsto que os 3.000 asistentes á xornada asinen a favor da candidatura, despois de que a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, a organizadora do encontro, decidira unirse á campaña da Deputación. Para iso, durante todo o día, o bus da Ribeira Sacra permanecerá estacionado no exterior do Pazo de Feiras.

Ademais, a institución luguesa, no marco da súa aposta por impulsar o sector agroalimentario da provincia, cedeu 10 cestas de produtos autóctonos á federación veciñal, que serán entregadas mañá ós socios que destacaron no último ano polo seu esforzo e traballo en favor do movemento veciñal.

Exit mobile version