Site icon Crónica3.com A Mariña

O programa da UNED Senior inclúe temas de actualidade e estratexias de desenvolvemento persoal para maiores de 55 anos

pres-unedLugo, 25 de setembro de 2014. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou este xoves na presentación dun novo curso da UNED Senior, que comezará as súas clases o vindeiro 15 de outubro. “O Padroado da UNED de Lugo presenta á cidadanía lucense o proxecto UNED Senior, un programa formativo que inclúe temas de actualidade e estratexias de desenvolvemento persoal para as persoas de máis de 55 anos”, salientou Outeiro. Acompañouno na presentación Ana Belén Traseira, secretaría do centro asociado á UNED de Lugo.

A UNED Senior é unha ferramenta que lle ofrece seguir formándose ao mencionado grupo de idade nun espazo universitario propio, que lles serve para intercambiar coñecementos e experiencias, así como acceder ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación e recibir unha orientación personalizada. Asemade, nesta Universidade para Maiores de Lugo búscase “ofertar formación en temáticas interesantes e funcionais para estas persoas, co fin de mellorar a súa calidade de vida e de proporcionarlle ao alumnado coñecementos, aprendizaxes e estratexias para o desenvolvemento integral e a autonomía persoal, así como favorecer a comunicación a través das relacións interpersoais. É un encontro interxeracional e, por suposto, serve para mellorar o coñecemento da contorna cultural por parte dos nosos maiores”, explicou Mario Outeiro.

Tres materias no primeiro semestre
O curso, no seu primeiro semestre, desenvolverase desde este vindeiro 15 de outubro ao 15 de febreiro do 2015 e contará con tres materias. As clases de Tertulias literarias celebraranse os xoves, das cinco ás sete da tarde, e Alfredo Torres Bouza será o profesor. As de Entrenamento da memoria serán impartidas por Jaime Álvarez Vilariño todos os mércores, tamén das cinco as sete da tarde, e, finalmente, as sesións de Introdución ao dereito e á ciencia política terán como profesora a Rosa María Ricoy Casas e levaranse a cabo os luns, das 16 ás 18 horas. As materias impartiranse no centro asociado á UNED de Lugo, que se atopa no edificio FORCAM, na rúa Cantigas e Frores, número 31.

Matrícula e prezo
O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 15 de outubro, aínda que se podería pechar antes se se completan todas as prazas dispoñibles. Os interesados deberán aboar 45 euros por materia nunha conta de Abanca indicando o nome do estudante e, como asunto, UNED Senior. A matrícula pódese realizar por internet nesta dirección http://extension.uned.es/actividad/idactividad/7874, ou de xeito presencial cubrindo o formulario que está dispoñible na web, no centro asociado e en diversos centros de maiores, e entregándoo posteriormente no centro da UNED de Lugo, xunto co resgardo de ter pagada a matrícula.

Exit mobile version