Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG inicia en Lugo a rolda de presentacións da proposta de Lei de morte digna, que dá cobertura legal “á liberdade, á autonomía e á absoluta dignidade dos doentes terminais”

LUGO, 16 DE SETEMBRO DE 2014.- A voceira de Sanidade no Parlamento de Galicia –Carmen Acuña-, acompañada do secretario Provincial –Juan Carlos González Santín- presentou este martes en Lugo a proposición de Lei “de dereitos e garantías da dignidade dos enfermos terminais”, impulsada polo líder do PSdeG-PSOE –José Ramón Gómez Besteiro-, e a través da cal os socialistas instan á Xunta de Galicia a aprobar unha normativa que dea cobertura legal “á liberdade, á autonomía e á absoluta dignidade dos enfermos terminais”. Deste xeito, o dirixente provincial agradeceu publicamente á sectorial de Sanidade do PSdeG que elexise Lugo como o primeiro destino da rolda de presentacións que levará a cabo por toda Galicia a executiva nacional de dita iniciativa.

Ademais de Gómez Besteiro, o secretario Xeral do PSOE -Pedro Sánchez- tamén defendeu no día de onte que, a reforma da Constitución que propugna o Partido, servirá tamén para introducir o dereito á morte digna. O goberno socialista, tal e como lembrou Santín, chegara a dar o visto bo a un anteproxecto de lei, que o que pretendía era garantir os dereitos dos doentes en situación terminal, así como dar a seguridade xurídica aos profesionais sanitarios que os atenden. Este xa fora un paso importante non só no dereito a morrer dignamente e evitar sofrimentos innecesarios, con garantías para os enfermos e os familiares, senón que pretendía unificar, ademais, os coidados paliativos en todo o Sistema Nacional de Saúde, logo de que algunhas comunidades como Andalucía e Aragón xa desenvolveran normas neste mesmo senso.

A norma proposta polos socialistas galegos, que será debatida na Cámara do Hórreo e que está consensuada tanto con profesionais como con asociacións, “regula os extremos que afectan aos doentes e ao persoal” que traballa con eles para garantirlles “calidez humana” e o dereito a morrer con dignidade. Trátase, explicou o dirixente dos socialistas lucenses, de “pasar dun modelo asistencial a un sistema de dereitos e garantías, que evite o ensañamento terapéutico e o sufrimento innecesario. Como dicía Quevedo: mellor vida é morrer, que vivir morto. En definitiva, o que se pretende é non alongar a vida de forma artificial, dándolle tranquilidade aos profesionais á hora de realizar o seu traballo, e con independencia no lugar no que residan, é dicir, no HULA ou en calquera aldea do territorio lucense, e sexa a patoloxía que sexa”, explicaron.

“Ordenar e lexislar sobres estas situacións da seguridade xurídica para ambas partes. E que conste, que na Lei que defendemos non se fala de eutanasia, senón de morte digna e cada cal debe elexir é a forma máis digna de morrer. O que defendemos é a sedación compasiva”, apuntou o secretario Provincial.

Humanizar o proceso
A voceira de Sanidade do Grupo Socialista explicou que a iniciativa socialista está dirixida a humanizar o proceso de morrer sen provocalo nin prolongalo. facendo valer o principio da ortotanasia, sen aplicar, dixo, “prolongacións irracionais”. Acuña explicou que o dereito a decidir “debe estar presente en toda a vida das persoas”.

Sinalou que a norma ven a suplir as carencias da Lei de Garantías Sanitarias presentada pola Xunta e aprobada polo PP en solitario e que excluíu deliberadamente o dereito da persoas a morrer dignamente. Acuña explicou que a norma defende a dignidade dos enfermos terminais para garantirlles unha correcta información e uns coidados acaídos para facer fronte á súa situación.

Distribución da Lei
O texto, que foi presentado este martes en Lugo, distribúese en tres artigos. O primeiro, define conceptos como a ortotanasia, “que é a morte no momento biolóxico axeitado” e a sedación na agonía, “que é a administración de fármacos que diminúen a conciencia coa intención de aliviar o sufrimento”. O segundo establece os dereitos dos doentes e das familias, consolidando o dereito á información, á confidencialidade, á elección sobre a continuidade co suposto tratamento, ao rexistro da súa decisión, ao trato digno, á aplicación de coidados paliativos ou ao tratamento acaído da dor.

E, finalmente, o terceiro título, inclúe os dereitos e deberes de médicos e enfermeiros, compaxinando a garantía do dereito das persoas á morte digna coa obxección de conciencia destes profesionais. Tamén regula as garantías de espazo e coidados que deben ofrecer os centros sanitarios aos enfermos e ás súas familias e determina o papel do Comité de Ética Asistencial como árbitro no momento en que falle o consenso entre as familias e os profesionais.

Exit mobile version