Site icon Crónica3.com A Mariña

Ollomao implica aos establecementos hostaleiros barreirenses nas actividades culturais deste inverno

O Colectivo Cultural Ollomao reuniuse na tarde do domingo con representantes da hostalería de Barreiros para plantexar a posibilidade de achegar aos bares parte da actividade da axenda de inverno da asociación. Unha das propostas plantexadas consiste na posta en escena de pezas de microteatro, pequenas obras teatrais que serán representadas nos espazos dos bares os venres ao anoitecer. A segunda das propostas, vencellada á Universidade Rural de Barreiros, leva por nome “Xoves Universitarios” e consiste na posta en marcha dunha serie de charlas técnicas e monográficas, debates ou coloquios, sobre temas de actualidade e de interese xeral, que terán lugar entre semana, nos bares, e serán abertas a todo o público.

Con esta iniciativa, Ollomao pretende contribuir a diversificar e ampliar a súa oferta cultural, así como contribuir a promover unha dinamización do ocio en colaboración coa hostalería barreirense. O colectivo oganizador fai un moi bo balance de dita reunión, na cal xurdiron ideas e proxectos de cooperación entre as e os propios asistentes.

O colectivo barreirense agradece a colaboración e boa disposición de todas aquelas persoas asistentes á reunión, así coma todas aquelas que escusando a súa asistencia, mostraron a súa disposición a prestar as súas instalacións. De cara ás vindeiras semanas, Ollomao traballará en dar forma e xestionar ditas actividades, para procurar achegar a oferta a todas as parroquias barreirenses e que todos os bares interesados teñan a oportunidade de contar con algunha das actividades propostas.

Exit mobile version