Site icon Crónica3.com A Mariña

Once modalidades oferta o Concello de Ribadeo nas súas escolas deportivas de inverno

Ribadeo, 12 de setembro de 2014. Do 15 ao 30 de setembro estará aberto o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais de inverno para o curso 2014/2015. A Concellaría de Deportes oferta 11 modalidades deportivas destinadas a nenos e nenas nados entre os anos 2001 e 2010, ambos incluídos. Son: fútbol, fútbol sala, patinaxe, natación, tenis, baloncesto, ximnasia rítmica, pádel, karate, atletismo e tenis de mesa.

Nas escolas con límite de prazas, que son patinaxe con 20 e natación con 40, realizarase un sorteo entre os inscritos o 1 de outubro, tendo preferencia os empadroados/escolarizados en Ribadeo. Desde a Concellaría de Deportes lembran que existen axudas para o pago total ou parcial da matrícula destinadas ás familias que se atopen en situacións económicas desfavorables. A cota por escola é de 60 euros. O pago da taxa deberá efectuarse na conta do Concello de Ribadeo en Caixa Rural ata o 17 de outubro, indicando no concepto “matrícula escola deportiva”. E o resgardo debidamente cumprimentado será entregado na Casa da Xuventude. A falla do ingreso implicará a baixa na/s escola/s.

O vindeiro luns terá lugar a presentación da escola deportiva de baloncesto no Auditorio Municipal e a súa actividade dará comezo o 16 de setembro. Tamén o luns comezará a súa actividade a escola de fútbol, que se desenvolverá nas instalacións do colexio Gregorio Sanz e no estadio Pepe Barrera. E o 17 de setembro botará a andar a escola de atletismo no Ceip Gregorio Sanz.

No caso do fútbol sala haberá unha xuntanza o 22 de setembro ás 19:30 horas no pavillón e a súa actividade iniciarase o día 23. O 26 de setembro terá lugar unha xuntanza informativa da escola de tenis, que dará comezo despois o 13 de outubro. O 30 de setembro no pavillón de Ribadeo iniciaranse as actividades da escola de ximnasia rítmica. O día 1 de outubro comezará o tenis de mesa. O 2 de outubro iniciará a súa tempada a escola de pádel no Padel Club Ribadeo e a escola de patinaxe no pavillón da Rúa Alfredo Deaño. A escola de natación arrincará o 3 de outubro na piscina municipal e finalmente o 8 de outubro é a data prevista para o inicio da escola de karate no IES Ribadeo.

Exit mobile version