Site icon Crónica3.com A Mariña

Os días 13, 14 e 16 de setembro cita coa tradicional Romaría da Santa Eufemia no burgo de Trasbar

comision-trasbarTrasbar, 2 de setembro de 2014.- Un ano máis o burgo de Trasbar, en Cervo, celebrará a tradicional Romaría da Santa Eufemia, unha cita coa súas festas patronais que inclúe un variado programa de actividades que se desenvolverán durante tres días: O sábado 13, o domingo 14 e o martes 16 de setembro.

Tres días de festa
Na fin de semana os actos comezarán o sábado, ás sete da mañá, coa elaboración da alfombra floral. A misa será ás 13.30h seguida da procesión e sesión vermú. Xa pola noite, as orquestras Milenium e Blue Star serán as encargadas da verbena. Logo de rematar o baile, haberá caldo gratis.

O domingo a misa será ás 13.30h, seguida da procesión e a sesión vermú a cargo da orquestra Magos de España, que tamén será a encargada de amenizar a verbena pola noite. E, coma é tradición, á tarde terá lugar o partido de fútbol de solteiros contra casados.

Dous días despois,o martes 16 de setembro, coincidindo coa festividade oficial, celebrarase a romaría da Santa Eufemia. O programa inclúe unha misa ás 13.00h para todos os devotos que queiran achegarse a poñer a Santa. De seguido, terá lugar a actuación do grupo da Asociación Clan de San Ciprián, cortesía do programa Musiqueando da Deputación provincial.

Agradecementos
Nesta ocasión a Xunta Directiva da Asociación de Veciños Burgo de Trasbar asume o reto da organización das festas e queren facelo deixando constancia dun recoñecemento expreso do traballo desenvolvido pola anterior comisión que leva moitos anos traballando a reo para facer posibles as festas para tan poucos veciños.

Desde o colectivo veciñal apuntan que a organización desta cita festiva se incorpora como unha actividade máis da asociación, da que ofrecerán a correspondente rendición de contas aos socios, tal e como se fai con todas as actividades que levan a cabo. Agradecen moi especialmente o gran esforzo económico que fan os veciños de Trasbar, así como a axuda de empresas e establecementos colaboradores e do Concello de Cervo.

Exit mobile version