Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo lamentan o estado de abandono no que se atopa o Concello e a mala imaxe ofrecida ós visitantes durante este verán

CERVO, 19 DE SETEMBRO. Tralo fin da temporada estival, os socialistas de Cervo lamentan o estado de abandono no que se atopa o concello e alertan da “mala imaxe que se ten ofrecido a veciños e visitantes durante estes tres meses de verán a consecuencia da inoperancia e deixadez do noso equipo de goberno”.

Dende o Grupo Municipal Socialista subliñan que “é hora de poñer enriba da mesa a interminable lista de casos que poñen en evidencia o abandono e falta de compromiso que este goberno mantén con Cervo e cos nosos veciños. A día de hoxe mires para onde mires, dá pena ver cómo se atopa o noso entorno”.

Non entenden cómo é posible manter de tal xeito a área recreativa de Sargadelos ou a da Atalaia, “mesas sen bancos, postes sen papeleira, porterías para os rapaces completamente ferruxentas, zonas infantís estropeadas e cheas de maleza”.

Non entenden cómo é posible que as praias de Cervo non se coiden co maior dos esforzos e “Cubelas teña os baños destrozados, con cristais rotos e as lousas da fachada caendo ou que no paseo do Torno haxa 15 alcorques e teñan 7 vacíos, sen árbores”.

Non entenden cómo é posible que no parque Reina Sofía “leve o cartel informativo pintado dende hai meses e non sexan quen de limpalo ou que a fonte non sexa fonte nin un só día do ano. Cómo pode seguir a fonte de Rúa tal é como está, cuberta de vexetación e silvas, pode pasar alguén polo lado dela que nin se ve”.

Non entenden cómo é posible que paseos e vías municipais se atopen como se atopa o paseo de Lieiro “invadido de maleza, con madeiras rotas e estropeadas, papeleiras tumbadas, luces aboiadas e a zona de descanso totalmente descoidada, con buratos e co teito desmantelado”.

En definitiva, os socialistas destacan que “dá igual que falemos de parques, de áreas recreativas, de praias, de paseos, de vías municipais ou de fontes que o denominador común vai ser o estado de abandono no que se atopan a causa da desidia e falta de traballo do noso goberno. Pedimos que tomen nota de tódolos casos, que den unha explicación coherente ós veciños e que se esquezan da austeridade como escusa xa que se teñen gastado moitos cartos noutros asuntos que eran totalmente prescindibles”.

Non repiten, seguro
O GMS sinala que os únicos responsables da situación son os membros do equipo de goberno, “teñen a obriga de manter o noso municipio como se merece, cun aspecto envidiable e atractivo para veciños e visitantes, e máis aínda, se pensamos nos meses de verán”.

“É gratificante ver na prensa un balance positivo dos datos turísticos do noso Concello ó finalizar a época estival”, apuntan os socialistas, “así como tamén é importante que pensásemos qué imaxe levan eses turistas de nós, se é posible que volvan algún día ou se, pola contra, é tal o desastre que lle amosamos que será imposible que repitan”.

Remataron engadindo que “un goberno que defende o turismo como piar fundamental da nosa economía e que pretende apostar por este sector, non pode asumir esta actitude e darlle a espalda ó mantemento constante e minucioso do noso entorno”.

Exit mobile version