Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Lourenzá critican a falta de información aos laurentinos sobre a perda da subvención do Pazo de Tovar

Trala convocatoria dun pleno extraordinario que o PSOE de Lourenzá solicitara para “tratar determinados temas de especial importancia para os veciños e veciñas de Lourenzá”, os socialistas queren manifestar o seu malestar “ó ver que o equipo de goberno convoca dito pleno para o 2 de outubro ás 12.30 horas da mañá negando a nosa petición de que dito pleno se celebrase en horario de 20.30 horas para que todos os veciños que quixeran puidesen asistir. Isto deixa claro a falta de transparencia do equipo de goberno e pon unha vez máis sobre a mesa a súa forma escura e oculta de facer as cousas”, asegura a voceira, Rocío López.

O PSOE de Lourenzá amósase decepcionado coa rexedora local, Enma Álvarez, debido á súa “pouca predisposición a acceder ás nosas peticións” e afirma que non “nos sorprende a súa forma de traballar; xa que intentan por todos os medios que as cousas importantes que atañen ós vecin@s de Lourenzá pasen totalmente desapercibidas”.

ASí mesmo, dende o PSOE recalcan tamén que “en diversas ocasións a alcaldesa Enma Álvarez organizou no Concello diversas charlas abertas a todo o público en xeral acerca de temas de actualidade ou importantes para a cidadanía”, pero critican que “nunha cuestión de vital importancia coma a perda da subvención do Pazo de Tovar non o faga. Trátase de algo que pode afectar aos petos dos veciños e veciñas de Lourenzá, que terán que pagar os 98.000 euros que o Concello perdeu por culpa da súa mala xestión”.

O PSOE de Lourenzá cree que “este si é un tema realmente importante para convocar unha charla pública e poñer sobre a mesa toda a documentación do proceso e sobre todo dar explicacións a todos os laurentinos de todo o que está pasando”.

Así mesmo, o PSOE de Lourenzá pon de manifesto a vontade espresa de todos os seus concelleiros de non cobrar as dietas de asistencia a este pleno extraordinario.

Exit mobile version