Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas pedirán no Parlamento que a Consellería que “se deixe de tanta crueldade e hipocresía” e repare “a agonía do IES Alfoz-Valadouro e do CEIP de Ourol”

psoe-valadouroO VALADOURO, 18 DE SETEMBRO DE 2014.- O secretarios Provincial e de Organización –Juan Carlos González Santín e Carlos Ferreiro-, os deputados provinciais e autonómico –Lara Méndez, Alfredo LLano e José Ramón Val Alonso-, e a coordinadora comarcal do PSOE na Mariña –Mayra García- concentráronse este xoves diante do IES Alfoz-Valadouro para protestar polos recortes impostos unilateralmente pola Consellería de Educación, e que están a afectar, fundamentalmente, ao funcionamento de dito Instituto e ao CEIP Vicente Casabella; este último, situado no municipio de Ourol.

Deste xeito, os socialistas quixeron manifestar o apoio decidido tanto ás familias afectadas como ás ANPAs e plataformas que levan traballando dende hai tempo para que a Xunta de Galicia dote de profesorado cualificado ao IES Alfoz-Valadouro e non eliminase un dos mestres a tempo completo do centro ourolense. Neste senso, e dado que o Goberno galego xa fixo público o seu anuncio de non dar outro profesor a Ourol e que mantén ao citado Instituto sen especialistas nas principais materias troncais, anunciaron que pedirán no Parlamento de Galicia que o executivo autonómico “se deixe de tanta crueldade e hipocresía, e que exerza a súa responsabilidade como titular das políticas educativas da Comunidade, co fin de reparar esta situación canto antes”. Asimesmo, pedirán que a Consellería “dea a cara e aclare se ten algunha previsión para evitar que se produza tal discriminación”, pois no caso do IES, “a agonía é tal” que os alumnos levan uns catro anos sen mestre de matemáticas, física e química, lingua castelá e sociais e, no caso do CEIP Vicente Casabella, un dos profesores que presta o seu servizo a tempo completo é compartido con Muras.

“Decisión política”

Por todo elo, os socialistas recoñecen non entender a que se deben estas drásticas medidas, e consideran que, ao igual que xa manifestou no seu día o alcalde de O Valadouro –Edmundo Maseda-, “só poden estar amparadas nunha decisión política”.

“O problema non son os ratios, senón a falta de profesorado especializado”, afirmaron. Precisamente, este motivo é o que, segundo os socialistas, está a provocar que o número de alumnos non deixe de baixar nos últimos anos no IES Alfoz-Valadouro. En 2009, cando chegou Feijóo ao Goberno, estudaban no centro 120 rapaces. O curso pasado foron 80 e, no que acaba de comezar, non chegan nin aos 60.

“Somos coñecedores do problema demográfico que sufre esta provincia e, tamén esta comarca, pero resulta intolerable que a Xunta non dea o seu brazo a torcer, a menos que o verdadeiro obxectivo deste entramado non sexa outro que pechar o centro. Como tampouco é que se ameace ás familias afectadas pola situación do CEIP de Ourol, e que decidiron non levar aos seus fillos ao colexio mentras o Executivo non busque unha solución, con activar o protocolo de absentismo. Que pasa que os colexios da Mariña son de segunda? Que pasa que non podemos equiparar a ensinanza dun rapaz de aquí coa de outro que vive na capital? A Educación ten que ser para todos igual”, defendeu o secretario Provincial.

A este respecto, o alcalde destacou a necesidade de que este centro “siga vivo” para o desenvolvemento destes dous municipios, xa que, “de continuar así, esta situación vai derivar nun peche”. Neste senso, subliñou que “aquí custa máis estudar que en calquera sitio, pero á hora de pagar impostos somos iguais que os que viven en Madrid ou en Barcelona. Non é cuestión de cartos, é de optimizar os recursos, pois a ensinanza que reciben os alumnos é moi deficitaria, o que lles ocasiona graves problemas de adaptación cando teñen que ir a outros centros, pois nestes o nivel é moito máis superior. O tema é grave. Os pais están pagando clases particulares durante todo o ano, e a amortización das prazas deriva nunha carencia da ensinanza. Non se trata de números, trátase de persoas”, afirmou.

“Cuestión de vontade política”
O Xefe Territorial comprometeuse en xuño a cubrir alomenos unha praza especialista en matemáticas no IES Alfoz-Valadouro, pero, a día de hoxe, “aínda non cumpriu a súa palabra”. E

non só iso, apuntaron, senón que, “por riba, carga a responsabilidade da Consellería nos pais, dicindo que son eles os que deciden onde matricular aos seus fillos. Isto é unha cuestión de vontade política, se a hai, o problema desaparece e, se non a hai, como todo fai indicar que é así, o problema non só seguirá existindo, senón que xamais será solucionado”.

Porque ter vontade política, destacou Santín, “é o que fixo o alcalde de O Valadouro”, quen puxo en marcha un banco de libros para as familias con menos recursos, e que teñen os seus fillos escolarizados no CEIP Santa María de Ferreira, e está disposto a financiar o transporte dos rapaces que estuden noutros institutos da Mariña. Esta última cuestión xurde porque, tal e como explicou o rexedor, “un pai non pode pagar uns 100 euros para que só vaia no autobús”, de ahí que Edmundo Maseda lamentase a falta de xestión da Consellería. “Resulta que somos os concellos os que temos que ir tapando as eivas que deixan as administracións encargadas da materia. Somos un concello moi pequeno, pero aínda así imos facer o posible por axudarlles, a pesares das competencias propias e impropias. Resulta incríble que nun concello con máis de 400.000 euros de remanentes coma este, non poidamos gastar os cartos onde queiramos, pero o certo é que aquí é onde hai que investilos. O que pedimos é que nos deixen facelo. Se non o queren facer eles, que nos deixen a nós. O que non podemos é deixar abandonados aos pais e aos rapaces”, remarcou.

Exit mobile version