Site icon Crónica3.com A Mariña

Preto de 1.000 persoas participarán este sábado na media maratón ‘Praia das Catedrais’

pres-media maratonLugo, 4 de setembro de 2014. Préto de 1.000 corredores daranse cita este sábado en Ribadeo na I Media Maratón Praia das Catedrais, unha proba que nace co obxectivo de reclamar a declaración de Parque Natural para todo o litoral ribadense. A proba foi presentada esta mañá no salón de actos da Deputación polo vicepresidente da institución provincial, o nacionalista Antonio Veiga, e polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.

O prazo de inscripción de participantes pechouse hoxe cun total de 921 corredores inscritos, o que fai desta proba a media maratón con máis participantes das que se celebran na provincia de Lugo. “Batemos todos os records de participantes, igual que este verán se bateron todos os records de número de turistas nas Catedrais, con 270.000 persoas só no mes de agosto”, explicou o alcalde de Ribadeo, que recoñeceu que “non agardabamos tantos corredores inscritos, porque é unha proba dura, de 21 quilómetros”, explicou.

A saída dos corredores darase ás 6 da tarde dende diante do Concello, no centro de Ribadeo, e a chegada dos corredores e a entrega de premios está prevista entre as 8 e as 9 da noite na praia das Catedrais, coincidindo coa baixamar. “A entrega de trofeos será baixo os arcos das Catedrais, onde haberá un photocall para os corredores participantes”, explicou Fernando Suárez, que destacou a beleza da carreira, un recorrido sinuoso e duro por sendeiros que percorren toda a costa ribadense para reclamar a súa declaración como Parque Natural.

O alcalde ribadense agarda que esta carreira sexa “un espaldarazo a nivel de promoción turística porque 1.000 persoas falando ben da carreira e do areal é unha moi boa campaña de promoción turística” pero tamén “un toque de atención á Xunta de Galiza e a Dirección Xeral de Costas para que declaren este entorno Parque Natural, unha demanda que é un clamor social en toda a comarca da Mariña”, dixo.

Medidas para protexer este espazo natural
O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, felicitou ao Concello de Ribadeo por esta iniciativa e “por todo o traballo ben feito que está a levar a cabo tanto en materia deportiva como en materia turística, social e cultural” e mostrou o “apoio incondicional da Deputación de Lugo á reivindicación do Concello de Ribadeo para que As Catedrais sexa declarado Parque Natural”.

Antonio Veiga demandou novamente máis medidas para protexer a praia das Catedrais, un “plan amplo, serio e de futuro, consensuado por todas as administracións: Xunta, Deputación, Ministerio de Medio Ambiente, Dirección xeral de Costas e Concello”. Neste sentido, Deputación e Concello esixen a Declaración coma Parque Natural para a franxa litoral de Ribadeo que permita desconxestionar as Catedrais da súa presión turística ofrecendo alternativas para todo ese fluxo de visitantes atraídos pola especial natureza desta costa. A declaración de Parque Natural para As Catedrais significaría o despegue definitivo e protección da mesma, e a consolidación dun reclamo turístico de primeira magnitude para toda a Mariña e a provincia de Lugo.

“Neste momento faise inevitable ampliar os ámbitos de actuación, que foron delimitados hai 10 anos cando a praia non tiña o tirón que ten hoxe”, explicou Fernando Suárez, que afirmou que “temos que favorecer que as visitas sexan máis escalonadas e ordenadas e que haxa menos coches no entorno da praia mediante un aparcadoiro amplo e distante conectado con transporte público e a habilitación dun apeadeiro de FEVE, porque mentras non logremos sacar os coches dalí e peonalizar o entorno non resolveremos nada”, argumentou.

Segundo lugar máis visitado de Galiza, só por detrás da Catedral de Santiago
No caso da praia das Catedrais, estamos a falar dun entorno ameazado pola masificación, xa que se ten convertido no segundo destino singular máis coñecido e visitado de Galiza, só por detrás da Catedral de Santiago. Neste sentido, o alcalde ribadense fixo fincapé unha vez máis “na necesidade de compatibilizar esa masificación que sofre o areal ribadense coa necesaria protección do areal e da súa contorna natural”.

Só no mes de agosto pasaron xa polas Catedrais 270.000 persoas, segundo detallou o alcalde ribadense. Unha media de 10.000 persoas ao día visitan o areal, unha media que se supera en días concretos. O pasado ano visitaron a praia 500.000 persoas, unha cifra que Fernando Suárez está convencido que se superará este ano.

Reto: facer que os turistas que veñen ás Catedrais se queden varios días na Mariña
O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, afirmou que “o turismo é un dos sectores con máis futuro da provincia, pero non calquera tipo de turismo, temos que apostar por un turismo de calidade vinculado ao patrimonio e ao medio ambiente, un turismo sostible, non masificado, que protexa entornos como a Praia das Catedrais”, defendeu Antonio Veiga. “É necesario protexer e conservar a praia das Catedrais, senón corremos o risco de matar a galiña dos ovos de ouro”, asegurou.

Para Antonio Veiga o grande reto é “aproveitar o tirón das Catedrais para vender A Mariña e o resto da provincia de Lugo e facer que os turistas que veñen ver as Catedrais queden varios días na Mariña e visiten outros puntos da comarca”. “Temos que aproveitar o efecto imán que ten para o turismo na Mariña a praia das Catedrais”, dixo.

Exit mobile version