Site icon Crónica3.com A Mariña

Preto de 10.000 persoas pasaron durante 4 días pola II Feira de Mostras e Salón do Automóbil de Foz

Foz, 1 de setembro de 2014. Preto de 10.000 persoas pasaron desde o xoves ata este domingo, pola II Feira de Mostras de Foz e Salón do Automóbil, que se desenvolveu no recinto de 8.000 metros cadrados situado a carón do porto. Os datos deunos a coñecer esta mañá o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos.

José Carlos Paleo tivo palabras de agradecemento para “todos os expositores, uns 100, que participaron nesta edición da Feira de Mostras, moitos dos cales repetiron. Agardamos volver contar con eles o vindeiro ano. E queremos darlle as grazas tamén ás institucións que colaboraron na organización deste evento: Concello de Foz, Deputación de Lugo e Federación de Comercio, así coma á empresa organizadora Conoce Ferias”.

O presidente de Acia Foz destacou “a acollida que tiveron os paseos en veleiro pola ría e pola costa focense. Trátase dunha iniciativa que pode ter recorrido proximamente”. E anunciou que “imos manter contactos cunha axencia de viaxes e cunha guía para intentar poñer en marcha unha serie de rutas turísticas, de xeito experimental, de cara á vindeira semana santa”. Segundo Paleo “poderíase recuperar a Ruta Pardo de Cela e facer outra que uniría a praia das Catedrais en Ribadeo coa basílica de San Martiño”. O presidente da Asociación de Comerciantes focense considera que “debe ser a iniciativa privada a que poña en marcha estes proxectos. Potenciar o turismo é cousa de todos: das administracións e dos empresarios”.

Exit mobile version