Site icon Crónica3.com A Mariña

Ricardo Varela e Pérez Herraiz consideran que a contrarreforma da Lei do Aborto “confirma que o PP de Rajoy é o Goberno máis á dereita dende o fin da ditadura”

herraiz-varelaLUGO, 19 DE SETEMBRO DE 2014.- O senador por Lugo –Ricardo Varela- e a deputada no Congreso –Margarita Pérez Herraiz- manifestaron publicamente este venres o rexeitamento do Partido Socialista á contrarreforma da Lei do Aborto que pretende implantar o Executivo Central, pois, segundo destacou Varela, “confirma que o Partido Popular de Rajoy é o Goberno máis á dereita dende o fin da ditadura. É o Goberno máis á dereita da democracia, no económico, no social, no laboral, nos dereitos civís dos cidadáns e tamén en materia de igualdade. É unha mostra máis do desprezo á muller. Considéraas que son menores de idade e, polo tanto, nega a súa autonomía e a súa capacidade de decisión”.

Neste senso, o senador apuntou que unha posible marcha atrás na tramitación da mesma sería unha decisión “oportunista e xurdiría froito dun cálculo electoral”. En ningún caso, apuntou, formaría parte “da reflexión, nin tan sequera dunha rectificación ideolóxica mínima”. É por este motivo polo que dende o Partido Socialista non se fían e anuncian que “o PSOE vai seguir loitando para foder frear a súa presentación no Congreso”. Deste xeito, esixiron “unha renuncia indefinida e definitiva á violencia do Goberno contra as mulleres”.

Ameaza do PP
E é que dende que o PP chegou á presidencia da administración central, defendeu a deputada no Congreso, ameaza con esta contrarreforma por presión da Igrexa e dos grupos máis radicais de ideoloxía conservadora, que buscan impoñer as súas crenzas ao conxunto da cidadanía e que mesturan e confunden relixión e lexislación.

“Por iso queremos facer un novo esforzo para intentar parar este proxecto, pois a actual Lei tivo un alto consenso e con ela diminuíron os abortos un 5%, especialmente nos treitos de idade máis novos, e isto débese a que incide especialmente na prevención con educación sexual e reprodutiva. Esta contrarreforma pon en perigo, ademais, a vida das mulleres con menos recursos, que intentarán abortos de alto risco por non poder ir a outros países; unha cuestión máis que incide na desigualdade social que está a promover o Goberno do PP”, indicou Pérez Herraiz.

Asimesmo, a socialista fixo especial fincapé noutra cuestión que os partidarios da contrarreforma utilizan fundamentalmente, “e que é un argumento falso”. Concretamente, este sector di que as mulleres de 16 e 17 anos coa Lei actual poden someterse a abortos co descoñecemento de pai e nai. “Isto é falso, o artigo 13.4 esixe que se informe a pais, nai ou titor legal coa única excepción de casos, debidamente xustificados de violencia familiar, situación de desarraigo ou desamparo”, precisou.

Exit mobile version