As recentes choivas da pasada semana xa permitiron o crecemento de gran variedade de cogomelos, sobre todo boletos, cantarelus e rúsulas, que non pasaron desapercibidos para os paseantes. Pola fraga que forman os tres regos que confluen na cabeceira do val o grupo recreouse na enorme variedade de especies vexetais, carballos, bidueiros, acibros, freixos… e numerosos indicios dunha activa vida faunística de aves rapaces, xabaríns, cabalos, lobos…Os regos, na cabeceira do val máis pendente, son unha fermosa sucesión de pequenas fervenzas e pozos labrados sobre a rocha granítica.
O paseo comezou e rematou na capela de Sta. Filomena, resto dunha antiga igrexa do S. IX ou X, da que se conserva soamente a ábsida e unha parte dos muros, que nos dan idea da dimensión dese templo orixinal. Tristemente, o seu estado de conservación non está á altura do seu valor patrimonial, e non está peor porque a vecindade se ocupa minimamente do seu coidado.
A actividade prorrogouse coa subida ao pico do Cadramón, o punto máis alto da Serra do Xistral(1.056 m) desde onde se pode contemplar unha panorámica realmente espectacular, e finalmente coa visita á Pena Abaladoira situada á esquerda da estrada que comunica o Valadouro con Abadín, no medio dun auténtico festival de formacións graníticas. Unha refrescante cervexa na vila de Ferreira pechou unha xornada redonda, que deixou un agradable sabor de boca aos participantes.