Site icon Crónica3.com A Mariña

Santín confirma que a dirección provincial xa enviou a Madrid o expediente de expulsión provisional dos dous edís de Foz, seguindo criterios de “responsabilidade e conciencia política”

LUGO, 3 DE SETEMBRO DE 2014.- O secretario Provincial –Juan Carlos González Santín-, anunciou este mércores que a dirección provincial do PSOE enviou no día de hoxe o expediente de expulsión provisional dos dous edís de Foz á Comisión Executiva Federal co fin de que este órgano tramite a súa baixa do Partido Socialista. Asimesmo, tal e como especificou González Santín no transcurso da xuntanza que a executiva mantivo esta tarde, a dirección provincial tamén pedirá a devolución inmediata da acta dos catro concelleiros, “tanto dos que militaban no Partido Socialista como dos independentes que se presentaron baixo as nosas siglas”.

Estas foron as medidas adoptadas pola dirección e que xorden logo de que os edís anunciasen a pasada fin de semana a súa dimisión; unha actitude que González Santín tacha de “pouco democrática e que é produto do revanchismo”, pois considera que se debe “única e exclusivamente a desavenencias persoais”.

Neste senso, o dirixente dos socialistas manifesta o apoio decidido á executiva local, garantindo “que, ao igual que estamos a facer Foz, a dirección provincial aplicará o mesmo criterio en calquera agrupación da provincia na que se dea unha situación semellante. Os militantes teñen os mesmos dereitos e obrigas, e isto inclúe a todos e tamén aos concelleiros porque neste Partido ninguén é máis que ninguén. Ningún militante é dono do Partido. Ninguén impón nin veta aos membros do PSOE”, sentenciou.

“Actuamos con responsabilidade e conciencia política”
A executiva provincial eludiu pronunciarse ata o momento, co fin de non “seguir alimentando esta polémica e de que puidesen xurdir malas interpretacións”. “Creo que actuamos con responsabilidade política. Estes días estivemos estudando e valorando polo miúdo a situación, e fixémolo pensando sempre nos intereses dos cidadáns, antepoñéndoos incluso aos intereses do Partido. Así foi e así creo que se debe de actuar ante unha situación coma esta, pois de non ser así estariamos enganando aos militantes e aos votantes do noso Partido”.

A este respecto, insiste e que “tomamos a decisión con determinación e con conciencia política. Queremos estabilidade, e esta só pode vir da man de políticos que respecten aos seus compañeiros e á cidadanía. Os concelleiros foron por libre e iso nun Partido político como o PSOE non se pode permitir”. Deste xeito, destacou que os edís “deixaron o grupo de forma inxustificada, sen informar á executiva local nin aos afiliados. Consideramos que se trata dun desprezo a todos os militantes e aos veciños de Foz, pois foi por un tema persoal que nada ten que ver coa política”,asegura.

Para o dirixente provincial, con tal decisión os edís demostraron tres cousas: “primeiro, o seu egoísmo; segundo, que lles importa moi pouco o PSOE de Foz; e terceiro, que só miraron polos intereses persoais”. Por todo elo, considera que se trata “dunha falla de respecto e un desprezo aos simpatizantes, aos militantes, ao votantes e, en definitiva, a todos os cidadáns deste municipio mariñao; algo que dende a dirección do PSOE non imos aceptar, nin estamos dispostos a facelo”.

“Ofrecéuselles a man tendida”
Dende a dirección provincial e local, asegura Santín, “ofrecéuselles a man tendida para traballar xuntos polo Partido e por Foz. Os veciños non se merecen esta situación e tampouco os militantes e simpatizantes”. Por iso, destaca que o candidato ás eleccións sairá das primarias. “Esta dirección apoiará a todos os que libremente decidan presentarse a este proceso. O noso obxectivo é construír un proxecto político que dea resposta ás demandas dos focenses e non aos intereses dos políticos de Foz. Queremos un Partido no que teña cabida a militancia e queremos abrir o Partido a xente nova para acadar unha ampla representación na sociedade. O único que nos move é a responsabilidade e que o PSOE volva a gañar as eleccións”, conclúe.

Exit mobile version