Site icon Crónica3.com A Mariña

Skate xuvenil e Ludoarte son algunhas das novidades para a nova temporada das Escolas Deportivas de Cervo

oferta-skateCervo, 11 de setembro de 2014- O Concello de Cervo deu a coñecer este xoves a oferta das Escolas Deportivas Municipais para o curso 2014-2015, na que se inclúen un total de 13 disciplinas. Cabe destacar que existen actividades para todos os públicos, dende infantil ata xuvenil e adultos.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, Luis Guillén e a representante de IG10, María Gómez, fixeron públicos os detalles da programación. Ademais anunciaron a data de comezo do curso, previsto para o día 22 de setembro. Sen esquecer a reunión informativa que terá lugar o venres 19 ás 19 h. na Casa do Concello, na que se darán todos os detalles e se resolverán as dúbidas que se queiran plantexar.

O edil de Deportes expón a “importante aposta do Concello polo deporte de base, ofrecendo ata 10 disciplinas para público infantil e xuvenil”. Guillén explica tamén que coas Escolas Deportivas o Concello pretende “fomentar a práctica de exercicio entre a poboación ampliando a oferta para que os cervenses teñan máis posibilidades entre as que elixir”.

Novidades
Nesta temporada existen varias novidades, como é o caso de Ludoarte, unha actividade para público infantil que se pon en marcha por primeira vez como unha proposta máis creativa na que os nenos levarán a cabo diversas actividades manuais e que se imparte na Casa do Mar e no pavillón do CEIP de Cervo. Ademais, o tenis pasará a chamarse deportes de raqueta, polo que se ampliarán as disciplinas, incluíndo tenis, tenis de mesa e bádminton.

Co novo curso ofrecerase tamén skate e BMX, unha actividade para os mozos e mozas alumnos do instituto de secundaria na que poderán practicar co monopatín e coa bicicleta. Ademais, tamén para o público xuvenil manterase a actividade de zumba aínda que ampliada, de forma que tamén se impartirá aeróbic.

Ao mesmo tempo seguiranse ofrecendo outras actividades que rexistran bos niveis de demanda, como é o caso de pequexogos, baloncesto, fútbol sala, patinaxe artística, multideporte e pádel para os nenos e nenas. No caso dos adultos son actividades de continuidade ximnasia de mantemento, aeróbic e pilates.

Exit mobile version