Site icon Crónica3.com A Mariña

Vanesa Míguez, nova recanteira da Mariña en Luar

A representante da Mariña no concurso “Recantos” deste ano do programa Luar da Televisión de Galicia será Vanesa Míguez que estará a gravar o vídeo de presentación cun equipo da TVG na praza do Centro Cívico de Xove a partir das 12.00 horas e no IES Perdouro de Burela a partir das 13.00 horas. Xa pola tarde realizarase no Hotel Canabal a súa presentación oficial ante os medios.

Vanesa Míguez (Xove, 1979) combina o traballo no sector da perrucaría e estética coa ampliación de estudos no ciclo formativo de Imaxe Persoal no IES Perdouro.

No mes de xullo foi seleccionada para representar a comarca da Mariña no Certame Musical “Recantos” da Televisión de Galicia (TVG).

Polo momento, o seu repertorio redúcese a facer versións de temas musicais de autorías diversas (Joaquín Sabina; Luz Casal; Amaral; Los Panchos, etc.)

Nestas datas está en proceso de preparación da súa primeira actuación competitiva que se celebrará o próximo venres 26 de setembro. Unha cita para a que precisará o apoio do público, que pode votar por ela ata cinco veces por número de teléfono, a través do contacto que se proporciona no propio programa Luar despois da súa intervención.

Exit mobile version