Site icon Crónica3.com A Mariña

Voluntarios de Alcoa, de excursión cos internos Centro Asistencial San Pablo e San Lázaro de Mondoñedo

Voluntarios de Alcoa San Cibrao acompañan este xoves 4 de setembro ás persoas con discapacidade intelectual acolleitas no Centro Asistencial San Pablo e San Lázaro de Mondoñedo nunha excursión á reserva de animais Marcelle Natureza en Outeiro de Rei para que gocen dunha xornada de lecer e solidariedade que Alcoa proponse incluír no seu programa “Acción”, polo que Fundación Alcoa doa 3.000 dólares ó centro asistencial, como mostra do respaldo de Alcoa á colaboración solidaria dos seus empregados.

A excursión á reserva de animais Marcelle Natureza partirá do centro asistencial de Mondoñedo, onde previamente os voluntarios explicarán a actividade ós participantes. Desde alí trasladaranse en autobús e nun vehículo adaptado de Cruz Vermella de Lugo ata Marcelle Natureza, onde gozarán da natureza e dos diversos animais que viven na reserva. A xornada completarase cunha merenda-cea nun restaurante próximo ao parque e o posterior regreso ao centro.

Os voluntarios de Alcoa, que organizaron a actividade e coidarán das persoas discapacitadas que participen, con especial atención a aquelas con mobilidade reducida e en cadeiras de rodas, veñen colaborando co Centro Asistencial San Pablo e San Lázaro desde fai anos con actividades como unha ruta dacabalo, un taller de horticultura e xornadas de xogos cos internos.

O Centro Asistencial “San Pablo e San Lázaro” de Mondoñedo non ten ánimo de lucro e está xestionado pola Compañía de Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl. Ofrece atención integral a persoas con discapacidade intelectual de distintos grados que pola súa condición persoal requiren de apoios extensos ou xeneralizados na maioría das áreas da vida diaria para levar a cabo unha vida o máis normalizada e autónoma posible en cada caso, fomentando unha mellora continua na súa calidade de vida. Na actualidade, acolle a 49 persoas.

Fundación Alcoa susténtase dos seus propios activos financeiros e non dos beneficios de Alcoa. O seu principal obxectivo é mellorar a calidade de vida nas comunidades nas que a compañía está presente. Alcoa promvoe e apoia o voluntariado solidario e a acción social na comunidade dos seus empregados, para o que conta con programas específicos, os plans Acción e Bravo.

Exit mobile version