Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Viveiro nega que a instalación eléctrica do Teatro Pastor Díaz entrañe perigos

Viveiro, 21 de outubro de 2014.- Ante as noticias aparecidas na prensa do día de hoxe, nas que o Partido Popular anunciaba que preguntaría en pleno por determinadas cuestións relativas á instalación eléctrica do Teatro Pastor Díaz, cómpre indicar que se responderá a todas as cuestións plantexadas por ese grupo político na vindeira sesión plenaria, pois para iso están os plenos, e que a preguntas referidas foron presentadas no rexistro municipal no día de hoxe.

Con todo, para evitar as manipulacións e a alarma social que podería crearse ante a gravidade das acusacións, quérese deixar claro que a instalación eléctrica do Teatro Pastor Díaz non corre ningún risco para as persoas nin para as cousas; se realmente houbese algún perigo, este equipo de goberno non tería ningún inconvinte en pechar parte ou a totalidade das instalación, como xa fixo noutras ocasións, pois, por responsabilidade, é consciente de que a seguridade é o primeiro.

Tras a rehabilitación integral realizada no Teatro Pastor Díaz durante o goberno popular, nos últimos anos viñéronse detectando certas anomalías (sen poder determinar se están provocadas polo paso do tempo ou por deficiencias da construción). O goberno socialista investiu máis de 50.000 euros en solucionar os principais problemas, executando obras na cuberta para evitar as filtracións existentes na zona de butacas e eliminando os problemas de humidade existentes na subida das escaleiras á primeira planta.

A día de hoxe estase cambiando o cableado para poder adaptar a instalación eléctrica do teatro á normativa vixente e contratar o subministro eléctrico correspondente, dando de baixa a luz de obra que viña operando na actualidade. Durante a execución destas obras, detectáronse certos problemas estruturais nos palcos, desmontouse o falso teito e descubriuse que a madeira non estaba en boas condicións; por esta razón, precintouse esa parte do teatro e iniciáronse os trámites oportunos para proceder, por medios propios, á reposición ou reparación das vigas de madeira existentes. A reparación destes problemas estruturais, aparecidos durante as obras de adaptación da instalación eléctrica, provocou unha demora sobre a data prevista para a finalización dos traballos; tal e como se lle comunicou a Begasa, está previsto que as labores que se están a executar na instalación eléctrica do teatro conclúan a mediados de xaneiro, pois cómpre ter en conta, ademais, que toda a reparación se está a realizar mantendo a actividade propia da teatro, garantindo, sempre, a súa seguridade.

En definitiva, non se pode considerar que sexa unha instalación perigosa, non supón ningún risco para as persoas nin as cousas e estanse realizando obras de mellora, corrixindo vicios ocultos e adaptando a instalación eléctrica á normativa vixente para poder contratar coa comercializadora elixida o subministro eléctrico.

María Loureiro García, alcaldesa de Viveiro

Exit mobile version