Este programa busca prestar servizos complementarios específicos e especializados en hemofilia, encamiñados a fomentar a capacitación social, a participación e a integración destas persoas e das súas familias na sociedade. Entre os obxectivos máis específicos atópase o de ofrecer apoio ao colectivo hemofílico lucense, abordando aspectos sociosanitarios, orientación familiar e persoal; articular espazos de convivencia e socialización específicos a través da creación de grupos de asesoramento mutuo; manter unha estratexia de asesoramento e información permanente; así como detectar os factores que inciden nas dificultades de integración e desenvolvemento persoal das persoas afectadas e das súas familias.
Complementan os servizos ofrecidos pola sanidade pública
“Temos varios afectados por esta doenza na provincia de Lugo e cremos que é importantísimo prestarlles esta axuda, xa que estas asociacións complementan moi ben os servizos que xa de por si presta a sanidade pública. Nos entendemos que calquera outra aportación que se poda facer ten que contar coa nosa implicación e colaboración, máxime cando destes outras institucións estes colectivos están recibindo moitos menos recursos que tempo atrás”, explicou Antonio Veiga.
O vicepresidente da Deputación de Lugo incidiu en que estas colaboracións enmárcanse “dentro da nosa liña de actuación de apoiar a todo este tecido asociativo do ámbito do benestar social, que moitas veces está suplindo os traballos que tiña que facer a nosa propia sanidade pública. Únese a outros convenios que firmamos nas últimas semanas con doentes de ril, cancro ou alzheimer, entre outros”, xustificou.
A Asociación Galega de Hemofilia é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como metas xerais impulsar e promover a toma de conciencia por parte da sociedade, organismos e institucións, dos problemas que suscita a hemofilia, en especial as necesidades dos hemofílicos, tanto dende o punto de vista médico sanitario, como social, educativo e profesional, fomentando as accións e medidas que procedan para o seu máis adecuado tratamento.