Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Benestar da Deputación financia con 5.000 euros o transporte de doentes de ril ós tratamentos de hemodiálise

vicepresidencia-hemodialisteLugo, 10 de outubro de 2014. O vicepresidente e responsábel de Benestar Social e Deportes, o nacionalista Antonio Veiga, asinou esta maña un convenio coa Asociación para a Loita Contra as Enfermedades Renais (ALCER-Lugo) polo que este colectivo recibirá do organismo provincial 5.000 euros, cantidade coa que financiarán unha parte da contratación do servizo de transporte dos pacientes aos centros nos que reciben tratamento de hemodiálise. En representación de ALCER-Lugo acudiu a súa presidenta, Carmen Berta García Abelairas.

Esta asociación lucense ofrécelle na actualidade os seus servizos a 195 persoas que padecen insuficiencia renal terminal (IRT), unha doenza que provoca que deban acudir tres veces por semana a unha unidade de hemodiálise para someterse a tratamento durante 4 ou 5 horas por sesión, “o que supón unha serie de dificultades de cara a normalizar a vida social, laboral e familiar propiamente dita, polo que para nós é máis que unha obriga colaborar con esta asociación”, sinalou Veiga.

Falta de implicación e apoio da Xunta
O vicepresidente provincial lamentou que a Xunta non amose a mesma implicación. “Todas as asociacións que traballan no ámbito do Benestar Social da provincia de Lugo reciben o apoio da área de Benestar da Deputación fronte aos recortes feitos por parte da Xunta”, recordou Veiga, ao tempo que lamentou que “a falta de servizos sanitarios en Lugo fai que enfermos de cancro ou enfermos renais, como é o caso de ALCER, se vexan na obriga de facer quilómetros diariamente para facer os tratamentos necesarios”.

No caso de ALCER-Lugo, Veiga recordou a necesidade do servizo que facilita, “xa que hai que ter en conta que a maioría dos concellos da provincia de Lugo caracterízanse por ter unha alta dispersión xeográfica, de maneira que cobra unha maior importancia a existencia dun sistema de transporte adecuado que faga posíbel que todas as persoas afectadas por enfermidades renais, independentemente do medio no que vivan, poidan recibir o tratamento axeitado da forma menos custosa e rápida posíbel”, remarcou.

Catro centros de hemodiálise na provincia
Na actualidade, ALCER-Lugo traballa cos catro centros de hemodiálise existentes na provincia de Lugo (2 en Lugo, 1 en Monforte e 1 en Burela) e ten que botar man de 25 taxistas e dun técnico administrativo, que se encarga de coordinar altas, baixas, sesións e rutas, para que este servizo de transporte funcione de xeito óptimo.

Grazas a esta colaboración da área de Benestar Social e da Deputación de Lugo, ALCER-Lugo poderá seguir camiñando na consecución dos seus fins, como son o desenvolvemento de estratexias solidarias para que se poidan acadar equilibrios interterritoriais en calidade e servizos, así como a mellora da situación das persoas con enfermidades renais ou con discapacidade así como das súas familias, favorecendo a integración e a normalización persoal, familiar, social e laboral.

Exit mobile version