Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Benestar Social da Deputación apoia a ALUCEM, colectivo que axuda aos enfermos con esclerose múltiple e ás súas familias, con 10.200 euros

Lugo, 20 de outubro de 2014.- O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deportes, o nacionalista Antonio Veiga, vén de asinar a renovación dun convenio coa Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) que posibilita que este colectivo dispoña de un administrativo que se encarga de realizar diversas xestións encamiñadas a mellorar os servizos que ALUCEM lle presta aos seus asociados. Esta axuda ascende a 10.200 euros.

ALUCEM é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1996 e que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas afectadas de Esclerose Múltiple e as que as coidan. Membro fundador da Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) e integrante da Asociación Española de Esclerosis Múltiple (AEDEM), o seu ámbito de actuación é toda a provincia de Lugo, onde na actualidade se contabilizan ao redor de 300 pacientes desta enfermidade, diagnosticándose cada ano uns quince casos novos. Dende os seus inicios, os esforzos de ALUCEM están centrados en brindar un apoio fundamental para manter ou mellorar a autonomía persoal e a calidade de vida dos afectados, tanto dos indirectos, os doentes, como dos indirectos, os que os coidan.

Uns 300 afectados na provincia de Lugo
O obxectivo principal que se marcaron os reitores da asociación para este presente ano é o de afianzar e mellorar a atención e os servizos que ofrecen, cuestión para que se fai imprescindible a continuidade deste administrativo, que se encarga, entre outras funcións, de levar a contabilidade, xestionar a comunicación entre os socios e facer todo o traballo administrativo. Os beneficiarios directos son os 84 asociados de ALUCEM, os indirectos os seus familiares e os potenciais son as 300 persoas afectadas por esta enfermidade en toda a provincia.

Novos servizos
Asemade, para conseguir a meta de mellorar a calidade de vida dos doentes, puxeron en marcha novos servizos. Entre eles atópase o de Hidroterapia e Fisioterapia na Mariña e a implementación dun servizo de atención a persoas afectadas de lugares afastados das bisbarras de Lugo e A Mariña. Outro reto é seguir mellorando a comunicación entre a propia asociación, as persoas afectadas e a sociedade lucense. Para conseguilo están realizando melloras na web e no resto de canles de comunicación que posúen, xunto a difundir os servizos de ALUCEM por toda a provincia. Finalmente, a organización de obradoiros vai encamiñada á recrutar voluntarios que cumpren unha labor fundamental, dado que axudan a que se podan desenvolver servizos como o de hidroterapia.

A Esclerose Múltiple en Lugo
A Esclerose Múltiple é unha enfermidade desmielinizante que afecta ao Sistema Nervioso Central, interferindo na capacidade do cerebro e a médula espiñal para controlar funcións como ver, camiñar ou falar. É a enfermidade crónica máis frecuentes en adultos novos en Europa e a segunda causa de incapacidade neste grupo de poboación, despois dos accidentes de tráfico. A prevalencia da EM na provincia de Lugo é substancialmente superior a do resto da península e aumentou nas últimas décadas.

O carácter crónico e discapacitante da enfermidade fai necesario un tratamento paliativo continuo para retrasar a discapacidade, para a recuperación dos brotes ou incrementar a autonómica. Para, en definitiva, mellorar a calidade de vidas das persoas con EM. Por iso é necesario un servizo de continuado de rehabilitación, así como orientación e asesoramento profesional especializado.

Exit mobile version