Site icon Crónica3.com A Mariña

A can vello todo son pulgas

Asociación de Xubilados Terra Mar.- Con permiso dos sabios da lingua, variamos o refrán tradicional que se aplica cando as malas artes dalgúns se ceban nos máis débiles, porque ese é o sentimento que nos embarga aos que formamos parte da asociación de Terra Mar despois de escoitar que, para o Grupo Municipal Socialista de Cervo, é “un disparate” (cita literal) que os orzamentos municipais recollan unha axuda en apoio do noso colectivo de xubilados.

Non podemos negar que estas críticas do PSOE provocan en moitos de nos dous sentimentos variados: decepción, porque nacen de persoas que, con independencia da súa militancia, son os nosos veciños, e coñecen o traballo esforzado que facemos os xubilados de San Ciprián para organizar actividades diarias dirixidas aos nosos socios. O segundo sentimento é o de indignación, porque os socialistas de Cervo empreguen cal marioneta á nosa asociación para o xogo da crítica política, esquecendo que entre os moitos que formamos parte deste colectivo hai xente de toda opinión, ideoloxía e sentido de voto, porque aquí o que importa non é a militancia, senón as ganas de unirse, botar unhas partidas, falar, pasalo ben, ofrecer unha alternativa de actividades lúdicas para este grupo de veciños máis veteranos.

Terra Mar é, probablemente, a asociación local máis importante do concello, superando os 150 socios. A única de xubilados, unha gran maioría dos cales facemos uso diario das nosas instalacións e participamos activamente nas actividades que se organizan. Para mantelas precisamos da colaboración de todos, e agradecemos as contribucións que poidan chegar desde todas as administracións, sen importar cores. Hoxe, a do Concello é a única axuda que recibimos para o desenvolvemento das nosas actividades.

Moitos políticos enchen os seus discursos con palabras de recoñecemento ao papel que na sociedade aínda temos os veciños máis veteranos, as persoas maiores, hoxe nos decepciona comprobar que para algúns son palabras baleiras. Din querer contar con nós, pero critican que poidamos recibir unha axuda. Para algúns os xubilados, apoio indispensable das nosas familias neste tempo de crise, só somos útiles cando se aproxima as eleccións, cando nos prometen cariño e respaldo pero, cando chega á hora de verdade, somos obxecto das súas inxustas críticas. Con todo, chegado o momento, a nosa non será unha posición de rancor: teremos as portas abertas ao PSOE e a todos os partidos políticos locais que queiran escoitarnos, aínda que hoxe sexa doloroso ler como a máxima responsable do socialismo local permite e ampara que se atribúa o adxectivo de “disparate” ao feito de que Terra Mar reciba unha axuda

Asociación de Xubilados Terra Mar de San Ciprián.

Exit mobile version