Site icon Crónica3.com A Mariña

A Casa da Cultura de Burela acollerá este sábado unha representación de monicreques

Burela, 2 de outubro de 2014. O Concello de Burela, a través da Concellería de Cultura, presenta dentro da programación cultural Outono 2014 á compañía Chimchiribote co espectáculo titulado Historia de títeres. A representación terá lugar na Casa da Cultura este sábado, 4 de outubro, ás 17:30 horas con entrada libre.

A concelleira de Cultura, Mónica Pedre, explica que a compañía Chimchiribote “naceu co interese de defender a cultura do monicreque, a súa historia, técnicas e evolución dentro das artes escénicas, e neste empeño realizan actuacións e obradoiros. Chimchiribote comezou as súas actividades no Concello de Ortigueira, dunha maneira autoxestionada e realizando unha serie de actuacións durante tres meses na vila en colaboración coa escola de música de Ortigueira. Actualmente a compañía está instalada no concello de Pol, seguindo na súa dinámica de fomento da cultura e principalmente do monicreque e ten realizado actividades ao longo do ano: Festival de Nadal, actuacións no colexio, obradoiros…”.

Mónica Pedre engadiu que “este ano presentan Historia de títeres, un espectáculo no que se representan tres pezas inspiradas no monicreque clásico e moderno, con textos realizados especificamente para monicreques. As tres pezas que veremos este sábado son adaptacións de Trécola de textos clásicos da literatura para monicreques arxentina”.

Esta obra conta coa cooperación do proxecto teatral educativo Buxiganga.

Exit mobile version