Site icon Crónica3.com A Mariña

‘A charca inútil’ en Viveiro

a-charca-inutilA CHARCA INÚTIL obtivo o premio Lope de Vega 2007, cun xurado presidido por Mario Gas e composto por José Monleón, Juan Antonio Hormigón, Nacho García Garzón e Javier Villán. Asegura o autor, facendo uso do sentido do humor, que nos atopamos diante dun “drama ao cadrado”; esa curiosa definición podería levarnos a imaxinar un “culebrón”, ou un “melodramón”, ou un espectáculo “tremendo”. Pois non vai ser iso. Atopámonos diante dunha proposta moi especial: fermosa, chea de tenrura e humor, ao tempo que dura e profunda; unha escrita plena de sensibilidade que, como espectadores, levaranos a transitar camiños absolutamente imprevisíbeis. Desola ofrécenos un texto de moi alta calidade dentro dunha orixinal estrutura dramática e, xunto con iso, sitúanos nunha inquietante e conmovedora paisaxe humana. Personaxes adultos, fráxiles cal cativos, golpeados polas circunstancias que a vida lles impuxo, andan á procura dun burato que lles permita crer que existe a luz ao remate do túnel. Gonzalo M. Uriarte, Marcos Viéitez e María Barcala poñen en escena esta peza dirixida por Xulio Lago o sábado 18 de outubro a partir das 20.30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro.

Exit mobile version