Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Ensino demanda da Consellaría que restitúa a legalidade no IES Vilar Ponte e esixe responsabilidades

A Mariña, 17 de outubro de 2014.- A CIG Ensino quer saír ao paso de varias declaracións públicas por parte da Consellaría de Educación respecto ao conflito do IES Vilar Ponte.

A noticia trasladada desde a administración educativa sobre as ratios do IES Vilar Ponte non deixa de ser unha manipulación dos datos e non pode ocultar que os recortes no profesorado e a impartición de materias que non son da especialidade por parte do mesmo diminúen considerablemente a calidade educativa do centro. Nos últimos cinco anos case 100 profesores menos na Mariña. E tampouco pode ocultar a improvisación, a incompetencia e as falsidades despregadas neste asunto que en vez de calmar os ánimos e normalizar a situación están a provocar insatisfacción e malestar entre o profesorado e en toda a comunidade educativa. Por iso, solicitamos da Consellaría de Educación que se esixan responsabilidades e cesen aos responsables directos de provocar esta situación caótica.

Desde a CIG Ensino xa temos denunciando que se cometeron varias ilegalidades comezando por un nomeamento “a dedo” que se saltou a normativa que esixe que tanto o claustro como o consello escolar sexan oídos antes de nomear unha nova dirección ao dimitir outra. Polo tanto, o que debería facer a Consellaría é restituír a legalidade. Desde a CIG, demandamos que a Xefatura Territorial rectifique, anule o nomeamento desta dirección e se convoque ao claustro e ao consello escolar para elixir unha nova dirección cumprindo coa normativa e que esa dirección sexa referendada pola maioría tanto do claustro como do consello escolar. “É esperpéntico que a xefatura territorial pretendera nun claustro celebrado o xoves desta semana ratificar unha decisión que está viciada desde o principio ao ser nomeada a actual directora de forma irregular. A directora non tería nin que estar presidindo ese claustro” afirma Dores Fernández Abel, secretaria da CIG Ensino.

Así mesmo, a CIG Ensino pensa que é moi grave que a estas alturas de curso aínda non haxa horarios no centro e demandamos que para a confección dos horarios sexan os distintos departamentos, unha vez reunidos, os que distribúan as horas que lles corresponden así como a asignación de grupos a cada profesor ou profesora e que non sexan impostos como parece quer facer a dirección e a inspección educativa. Os horarios que se están seguindo provisionalmente tamén están feitos irregularmente e mesmo foron rexeitados pola maioría do claustro. A CIG manifesta que non é certo –como afirma a xefatura territorial- que os horarios foran feitos coa participación dos docentes senón que lles foron entregados nun primeiro momento sen contar coa súa opinión.

Finalmente, se realmente non se quere criminalizar a ninguén o que debería facer a dirección (que non cabe dúbida que segue ao pé da letra as directrices da xefatura territorial) é retirar a denuncia presentada contra as dúas nais que o único delito que cometeron é esixir unha educación mellor para os seus fillos.

Exit mobile version