Site icon Crónica3.com A Mariña

A climatoloxía será fundamental no desenvolvemento das obras de acceso ó porto de Burela

Burela, 17 de outubro de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle, e técnicos do Concello e da empresa que acometerá as obras de acceso ao porto visitaron este venres esa zona. O rexedor agarda que os traballos se inician a principios do vindeiro mes de novembro e subliña que a climatoloxía será fundamental para o seu desenvolvemento.

González Barcia contou que “a empresa Copasa, encargada de facer as obras de acceso ao porto, xa está en Burela, xa abriu unha pequena oficina aquí e tamén está a firma que lle levará a asistencia técnica. Hoxe pola mañá con técnicos tanto de Copasa, coma da outra empresa e con técnicos do Concello achegámonos á zona para comprobar sobre o terreo algunhas cuestións de carácter técnico que teñen que ver co inicio das obras: o paso aéreo dunha liña de media tensión, os traballos que se teñen que realizar para evitar inundacións e as zonas nas que haberá que facer trincheiras”.

Segundo o alcalde burelés “estas son as cuestións previas de carácter fundamentalmente técnico. Nós estamos desde o pasado martes mantendo contactos case diarios coa empresa para intentar axudarlle, na medidas das nosas posibilidades, a solucionar todas esas cuestións que de carácter técnico poidan xurdir”.

José María González Barcia dixo que “a falta doutros detalles confiamos en que as obras si inicien a principios do vindeiro mes de novembro. Dependendo da climatoloxía irán máis rápido ou máis lentas. A zona na que se vai traballar presenta unhas características moi concretas, co mar moi cerca, e iso evidentemente condiciona ao igual que as propias características xeotécnicas do terreo. A climatoloxía vai ser fundamental para o desenrolo destas obras. Si ven un bo inverno as obras irán rápidas e se ven un mal inverno irán lentas, hai moitas escavacións e movementos de terra que facer e a chuvia complícao todo”.

O rexedor sinalou que “todo este proceso é normal e entra dentro do procedemento habitual que se sigue antes de iniciar unha obra desta magnitude”.

Exit mobile version